27 de maio de 2016

GALICIA

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta orde 

A Xunta de Galicia destina 500.000 euros a axudas para infravivenda rural no ámbito da ARI dos camiños de Santiago 

Nos próximos días publicarase unha segunda Orde de axudas á infravivenda rural no resto de Galicia 

O Goberno galego concederá axudas do 80% do presuposto necesario para dotar de condicións de habitabilidade vivendas ocupadas polos seus propietarios, sen medios necesarios para a súa rehabilitación 

Tamén están en vigor as axudas para rehabilitación de vivendas no ámbito da ARI dos Camiños de Santiago, con fondos por importe de 2,7 millóns de euros 

Infogauda / Santiago de Compostela 

 A Xunta de Galicia destinará este ano 500.000 euros a axudas aos concellos emprazados na Área de Rehabilitación Integral dos Camiños de Santiago para que os mesmos actúen sobre vivendas habitadas que non reúnan as condicións mínimas de habitabilidade, tal como establece a Orde que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia.
 As axudas para infravivenda rural están dirixidas a prestar apoio aos concellos de menos de 10.000 habitantes, situados no ámbito da ARI dos Camiños de Santiago, para que poidan axudar con carácter urxente ás unidades de convivencia que habiten, en condición de propietarios, nunha vivenda que se encontre en mal estado de conservación e non dispoñan de recursos económicos para acometer obras que permitan ter as mínimas condicións de habitabilidade. As vivendas deberán atoparse emprazadas no ámbito da ARI dos Camiños de Santiago.
 Esta subvención tamén terá por obxecto permitir aos concellos rehabilitar edificacións ou vivendas do seu patrimonio municipal para destinalas a solucionar os problemas de residencia das unidades de convivencia que cumpran os requisitos fixados na orde.
 Ao abeiro desta Orde poderanse subvencionar obras de rehabilitación en edificacións e vivendas, co obxecto de que estas acaden unhas mínimas condicións de habitabilidade. Estas actuacións poden afectar a elementos exteriores, ás condicións estruturais e de seguranza, á habitabilidade e accesibilidade da edificación ou vivenda.
Requisitos
 Para acceder a estas axudas os ingresos dos propietarios que habitan a vivenda non poderán superar unha vez o Iprem, ponderándose en función do número de membros da unidade familiar.

 Todas as actuacións a realizar deberán axustarse á normativa técnica e urbanística en vigor e deberán cumprir a normativa vixente en materia de habitabilidade e funcionalidade.
 As actuacións subvencionables non poden estar iniciadas no momento da presentación da solicitude. O prazo de execución das obras virá fixado na resolución de concesión da subvención, sen que en ningún caso poida exceder de seis meses.
 O custe total das actuacións subvencionables poderá incluír os honorarios dos profesionais que interveñan, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados. No custo total das obras non se incluirán os gastos derivados de impostos, taxas e tributos.
Importe
 As axudas aos concellos para as actuacións sinaladas poderán acadar ata o 80% do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 12.000 euros por edificación. A solicitude da axuda deberá realizala o concello, que garantirá a dispoñibilidade de fondos para cubrir o 20 por cento adicional do presuposto necesario para a actuación prevista.

 O prazo de presentación de solicitudes iniciase mañá e estará aberto ata o 30 de novembro de 2016, salvo esgotamento previo do crédito.
 Por outra parte, nos próximos días o Diario Oficial de Galicia publicará outra Orde na que se establecen axudas para infravivendas emprazadas calquera concello galego de menos de 10.000 habitantes. No caso desta segunda Orde, as axudas non serán aplicables a vivendas emprazadas na ARI dos Camiños de Santiago.
Rehabilitación nos Camiños de Santiago
 Por outra parte, dende comezos de abril pódense solicitar as axudas para rehabilitación de vivendas no ámbito da ARI dos Camiños de Santiago, para as que a Xunta de Galicia dispón dun orzamento de 2,7 millóns de euros.

 Poden solicitar estas axudas de rehabilitación da ARI dos Camiños de Santiago as comunidades de propietarios, as agrupacións de comunidades de propietarios e as persoas físicas propietarias únicas de edificios ou de vivendas que estean en posesión da correspondente cualificación definitiva. As vivendas obxecto das axudas estarán emprazadas na ARI dos Camiños de Santiago e as actuacións de rehabilitación realizadas corresponderán ás establecidas na normativa que rexe a mesma.  (Máis información).
 O importe das axudas será do 35 por cento do custe subvencionable da actuación reflectido na cualificación definitiva e cun importe máximo de 11.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación.
 Estas axudas para rehabilitación poderá solicitarse ata o 30 de novembro de 2016 salvo que antes se esgote o crédito existente para esta ARI.

Ningún comentario:

Publicar un comentario