27 de maio de 2016

OIA

O micromecenado para escavar un castro e recuperar un petróglifo en Oia supera o 50%  

A campaña de financiación é posta en marcha pola Asociación Costa dos Castros a través da plataforma británica DigVentures.  

O recadado destinarase a unha escavación no castro da Cabeciña, á limpeza do petróglifo de Auga dos Cebros e á creación dun souto de castiñeiros micorrizados. 

Actualmente están en marcha as visitas guiadas á escavación no castro de Chavella.  

Grupo de visitantes no castro de Chavella (Oia)
Foto: Costa dos Castros


Úrsula Neilson / Oia

 A campaña de micromecenado posta en marcha pola Asociación Costa dos Castros en colaboración coa plataforma británica DigVentures supera a metade do obxectivo marcado. Concretamente, ata o momento recadouse 5.415€, un 55% do obxectivo. 

 Mediante esta campaña a Asociación Costa dos Castros pretende financiar parte do seu proxecto de desenvolvemento rural, arqueolóxico, turístico e forestal. 

 “Trátase dun proxecto integral sobre a paisaxe. É emocionante ver como xente de todo o mundo, dende India ata Lugo está a axudarnos a dinamizar esta zona”, comenta Xosé Gago, coordinador do proxecto. 

 Os particulares poden participar co micromecenado na plataforma de DigVentures e alí atopar distintos niveis de participación con distintas recompensas. Os colaboradores poden obter broches dun machado da Idade de Bronce, caixas gourmet con produtos da zona, apadriñar un castiñeiro ou ter unha camisola co petróglifo de Auga dos Cebros.  

 Precisamente este petróglifo será un dos destinatarios do que se recade na campaña. Trátase dun gravado único en Europa, representando unha embarcación mediterránea do segundomilenio a.C. nun contexto atlántico. “Os cartos irán destinados á limpeza do gravado e á súa posta en valor,” explica Gago.  

 Outro dos proxectos aos que se destinará parte do crowdfunding é á creación dun souto na Comunidade de Montes de Santa María de Oia. Encaixa coa vertente de xestión forestal do proxecto e se pretende substituír unha área de eucaliptos por castiñeiros. As árbores ademais están micorrizadas, é dicir, preparadas para que produzan cogomelos e a empresa produtora, Hifas da Terra, aportará cinco árbores por cada dez que se adquiran. Calquera pode apadriñar un destes castiñeiros mediante a campaña.  

 O terceiro proxecto que se axudará a levar a cabo mediante o micromecenado é a escavación dunha cabana da Idade do Ferro no castro da Cabeciña en Mougás. A intervención terá lugar en outubro e contará con participación internacional. A xente pode colaborar economicamente e participar nun curso de arqueoloxía que se realizará en paralelo á intervención.  

Patrimonio aberto ao público  
 O equipo de Costa dos Castros está traballando actualmente no castro de Chavella, en Santa María de Oia. O xacemento está aberto aos visitantes e os sábados e domingos ás 12:00 ata o 5 de xuño hai visitas guiadas gratuítas para ver os traballos.  

 Os meses de xullo, agosto e setembro a Asociación Costa dos Castros en colaboración co Concello de Oia e a adega Terras Gauda organizará visitas guiadas gratuítas a elementos patrimoniais da zona como o Castro e petróglifos da Cabeciña, o conxunto do Mosteiro de Oia e barrio de Arrabal, e outros castros e petróglifos das inmediacións.  

 Na páxina web do proxecto pódese atopar máis información sobre o proxecto e como colaborar. Premer eiquí para acceder á ligazón directa á campaña de micromecenado. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario