COMEZOU A CAMPAÑA DE ENTREGA DUN RECEITARIO POLO DÍA DO MERCADO NA PRAZA DE ABASTOS DA GUARDA
Este venres, día 27 de maio, arrancou na Praza de Abastos da Guarda a Campaña de entrega dun Receitario impulsada dende o Concello en colaboración cos praceiros e praceiras da vila
Fotos: C. A. G.
Infogauda / A Guarda
Dende o venres día 27 de maio e ata o sábado día 11 de xuño, todos os que merquen algún produto na Praza de Abastos recibirán dúas receitas cada fin de semana (unha o venres e outra o sábado) ata finalizar, o último día, un Receitario completo de 6 receitas para ser elaboradas con produto local e de tempada. A iniciativa comezou este venres e foi recibida con curiosidade e boa acollida por parte dos guardeses e guardesas que se achegaron a mercar este día á Praza de Abastos.
A campaña lánzase dende o Concello da Guarda como complemento a “Quere o teu mercado”, iniciativa creada pola Xunta de Galicia con motivo da celebración este sábado 28 de maio do Día Internacional do Mercado. Ese día, na Praza de Abastos da Guarda, ademais de poder recoller a correspondente receita, tamén se repartirán máis agasallos como bolsas, mandís, globos, etc.
Con estas accións búscase dinamizar e impulsar os mercados locais, que cumpren unha importante labor proporcionando produto local, de calidade e ofrecendo unha gran variedade de carnes, froitas, verduras, pescados, etc. Todo isto acompañado dun trato directo e cordial preto da casa, ao mellor prezo e cun servizo personalizado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario