A Xunta de Galicia dá luz verde ao Plan de Incendios Forestais para 2016, co fin de actuar en todas as frontes, evitar ao máximo posible os lumes e reducir os danos que se produzan
Asegura que o dispositivo estará composto por 5.700 persoas, ao que hai que sumar persoal do Ministerio, do Exército e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado ata completar un operativo de máis de 7.000 efectivos
Precisa que se contará cunha trintena de medios aéreos, entre os propios da Xunta e os que achega o Estado; e 360 motobombas da Xunta, dos concellos e dos parques de bombeiros, aos que se engaden cisternas, pas e outros vehículos
Salienta que se amplía a 3 anos a duración dos convenios entre Medio Rural e as entidades locais para a súa participación na prevención e defensa contra os lumes; e que se establece a creación e regulación da figura das agrupacións de defensa contra incendios forestais
Avanza que está prevista a posta en marcha dun novo sistema dixital de comunicacións, integrado na rede galega de emerxencias, e a posta en funcionamento do novo programa informático de xestión integral de incendios en tempo real
O vicepresidente da Xunta de Galicia na rolda de prensa de Consello
Foto: Conchi Paz
Infogauda / Santiago de Compostela
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou hoxe que o Consello deu o visto e prace ao Plan de Incendios Forestais para 2016 (Pladiga), co fin de actuar en todas as frontes necesarias para, en primeiro lugar, evitar ao máximo posible os lumes e, en segundo lugar, reducir os danos que se produzan.
Rueda detallou os tres aspectos máis relevantes do texto. Así, sinalou que se mantén o dispositivo de vixilancia e extinción do pasado ano. Para esta campaña, o dispositivo estará composto por 5.700 persoas, ao que hai que sumar persoal do Ministerio, do Exército e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado ata completar un operativo de máis de 7.000 efectivos.
No relativo aos medios materiais, o vicepresidente da Xunta precisou que se contará cunha trintena de medios aéreos, entre os propios da Xunta e os que achega o Estado; e 360 motobombas da Xunta, dos concellos e dos parques de bombeiros, aos que se engaden cisternas, pas e outros vehículos.
Así mesmo, Rueda avanzou que se incorporan algunhas adaptacións necesarias respecto a normativas aprobadas neste eido. A máis importante ten que ver coa ampliación a 3 anos da duración dos convenios entre Medio Rural e as entidades locais para a súa participación na prevención e defensa contra os lumes; e, ademais, establécese a creación e regulación da figura das agrupacións de defensa contra incendios forestais.
Trátase de promover as organizacións de voluntarios e as asociacións relacionadas co medio rural e o medio forestal e a súa implicación na defensa contra os incendios.
Un novo sistema dixital de comunicacións
Do mesmo xeito, está prevista a posta en marcha dun novo sistema dixital de comunicacións, integrado na rede galega de emerxencias, e a posta en funcionamento do novo programa informático de xestión integral de incendios en tempo real.
No tocante á sensibilización, Rueda sinalou que a Xunta afonda de forma moi intensa nun dos apartados que máis se precisa en materia forestal. Así, inclúese o compromiso de manter e reforzar os programas de concienciación actualmente en marcha, especialmente entre as xeracións máis novas.
Neste senso, destacou que a Administración ten un papel fundamental na loita contra os lumes pero matizou que é imprescindible a colaboración cidadá. Sobre todo, tendo en conta que o 98% dos montes están en mans de propietarios particulares.
En definitiva, configúrase o dispositivo contra incendios plenamente consciente do risco, razón pola que a Xunta actúa en todas as frontes necesarias: prevención, detección, disuasión e investigación e extinción, co fin de conseguir diminuír o número de lumes, o seu tamaño e a superficie afectada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario