PIRAGÜISMO
CATRO MEDALLAS PARA OS TEIXUGOS NA 3ª COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM
Informa (Redacción e fotografías): Rosa Fernández Carrera
Esta fin de semana celebrouse a 3ª Copa de España de Slálom Olímpico na localidade de Sabero, León, na nova canle de slálom construída no río Esla.
O Club Deportivo Miño acudiu con oito piragüistas das categorías cadete, júnior, sénior e veterano: Marco Patiño , Laura Soutelo, Manuel Ochoa, Brais Castro, Laura Alonso, Andrea González, Luís Fernández e Emilio Rodríguez. Ariadna Pereira tamén participou, pero de abridora.
A competición transcorreu ao longo de dúas xornadas, a primeira sábado e a segunda o domingo, sumándose os resultados das dúas. Todos os nosos deportistas deron o mellor de si mesmos, obtendo uns resultados que fai non moitos anos eran impensables no piragüismo de augas bravas galego.
Catro foron os podios acadados: Emilio Rodríguez foi prata na categoría K1 veterano; Luís Fernández, o primeiro galego que optou a unha praza olímpica, acadou a medalla de ouro na categoría C1 sénior; Manuel Ochoa tamén ouro en K1 júnior e Brais Castro bronce en C1 júnior. Luís, Manuel e Brais forman parte do equipo nacional sub 23 que representarán a España no mundial que se celebrará en Cracovia no mes de xullo.
Na clasificación final por equipos o Club Deportivo Miño-Teixugos rematou en cuarto posto, por detrás do Atlético San Sebastián, o Santiagotarrak, de Irún e o Cadi Canoe-Kayak, da Seu D´Urgell.
Non foron as nosas as únicas medallas para os galegos, Sen Siras, Penedo, Tea e Dumbría tamén subiron o podio. Estes bos resultados débense en gran medida a boa labor que están facendo no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra no que están becados 6 piragüistas adestrados por Ekhi Díaz.
Ningún comentario:
Publicar un comentario