25 de maio de 2016

BAIONA

A Deputación de Pontevedra buscará solucións para garantir un tránsito peonil seguro aos peregrinos do Camiño de Santiago en Baiona 

Uxío Benítez reuniuse hoxe co alcalde Ángel Manuel Moldes, con quen abordou as necesidades das vías provinciais no municipio 

Uxío Benítez, e a nova directora de área da institución provincial, Isabel Pardo de Vera, reuníronse hoxe co alcalde de Baiona Ángel Manuel Rodal

Infogauda / Baiona

 O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, e a nova directora de área da institución provincial, Isabel Pardo de Vera, reuníronse hoxe co alcalde de Baiona Ángel Manuel Rodal, para falar das necesidades das vías provinciais no municipio. Benítez asegurou que a Deputación buscará unha solución para garantir o tránsito peonil dos peregrinos que realizan o Camiño a Santiago que coincide cun treito da estrada provincial EP-2203 que une Baredo-Baiona-Loureza.  

 O alcalde Ángel Manuel Rodal acudiu ao encontro acompañado de outros representantes municipais e realizou varias peticións ao deputado que serán estudadas polos técnicos provinciais. A actuación que máis interese suscitou por parte dos responsables da Deputación foi a da mellora da vía EP-2203, que coincide en boa parte co Camiño de Santiago e precisa dunha mellora e dun espazo de seguranza viaria para o tránsito de peóns. Benítez destacou que esa actuación "encaixa dentro do decálogo de criterios para actuar nas vías provinciais, que priorizan as mobilidades peonís sobre os tránsitos rodados para garantir a seguranza viaria". Así, asegurou que a Deputación "tratará de buscar unha solución que garanta un espazo seguro na estrada aos camiñantes".  

 Por outra banda, o rexedor de Baiona solicitou a Benítez a canalización de pluviais da estrada provincial que atravesa o núcleo urbano e conecta cunha glorieta de titularidade autonómica. A intención é que a actuación da Deputación sirva para solucionar un "problema grave" de pluviais na conexión dunha vía municipal. Así mesmo, Rodal tamén expuxo a petición de continuar a reforma da EP-2204 para mellorar os paso dos veciños, polo que o deputado puxo sobre a mesa a posibilidade de realizar un estudo de tránsitos peonís para garantir a seguranza viaria dos cidadáns que utilizan esa vía.  

 Finalmente, o deputado explicou aos representantes municipais de Baiona que os servizos técnicos provinciais están a valorar as obras que se executarán grazas ao Plan MOVESE, que consisten en instalar pasos de peóns sobreelevados, redutores físicos da velocidade e zonas 30 nas vías de titularidade provincial. Hai que lembrar que o Concello de Baiona presentou solicitudes ao abeiro deste plan provincial que pretende aplicar medidas de calmado do tráfico para todas as súas estradas provinciais.  

 O Concello de Baiona conta con cinco vías de titularidade da Deputación: a Baiona-Bahiña-Fontes, Baiona-Loureza, Baredo-Baiona-Loureza, Sabarís-Belesar e o ramal á Granxa. Todas elas suman máis de 38 quilómetros de lonxitude.

Ningún comentario:

Publicar un comentario