25 de maio de 2016

VIGO

O Museo do Mar acolle a exposición ‘Mexillón de Galicia’, de Xurxo Lobato 

As 50 fotografías que conforman a mostra, promovida polo Consello Regulador do Mexillón de Galicia co apoio de Cultura e Educación poderán verse en Vigo ata o 24 de xullo


Infogauda / Vigo

 O Museo do Mar de Galicia abriu hoxe as portas da súa nova exposición temporal, ‘Mexillón de Galicia’, do fotógrafo Xurxo Lobato. Promovida polo Consello Regulador do Mexillón de Galicia, co apoio da Consellería de Cultura e Educación, a mostra está conformada por 50 imaxes e un audiovisual que se poderán ver en Vigo ata o próximo 24 de xullo.
 No acto de apertura da exposición, que tivo lugar esta tarde, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou entre os obxectivos do Museo do Mar o de darlles visibilidade a institucións directamente relacionadas co sector extractivo, comercializador e distribuidor dos produtos galegos do mar, e “o Consello Regulador de Mexillón de Galicia é un dos máis sobranceiros”, dixo.
Posta en valor do patrimonio marítimo
 Así mesmo, o secretario xeral, que se referiu ao autor da exposición como “un mestre da imaxe da nosa terra”, gabou tamén “o labor que o Museo do Mar de Galicia vén desenvolvendo a prol da conservación e da posta en valor do noso inxente patrimonio marítimo a través de mostras coma esta”.

 O autor da exposición, Xurxo Lobato, o director do museo, Vicente Caramés, e o presidente do Consello Regulador do Mexillón de Galicia, Francisco Alcalde, tamén interviñeron na mostra, á que asistiu a xefa territorial de Vigo da Consellería do Mar, Sonia Lorenzo.
 ‘Mexillón de Galicia’ é un relato visual arredor deste molusco, no que a mirada de Xurxo Lobato percorre o seu proceso de cultivo e posterior comercialización, amosando o traballo dos homes e mulleres artífices da actual industria mexilloeira galega.
A traxectoria de Lobato
 Xurxo Lobato Sánchez (A Coruña, 1956) é licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. Membro da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, conta cunha longa traxectoria profesional, que desenvolveu en diversos medios nacionais e internacionais, como ‘La Voz de Galicia’, ‘El País’, ‘Cambio 16’, ‘El Mundo’, ‘La Vanguardia’, ‘Der Spiegel’ ou ‘National Geographic’.

 Entre os seus recoñecementos destaca o premio Ortega y Gasset de xornalismo, que lle foi outorgado no ano 2003 por unha fotografía do Prestige.

Ningún comentario:

Publicar un comentario