25 de maio de 2016

PONTEVEDRA

O Partido Popular amosa a súa sorpresa polas declaracións insidiosas dos responsables do PSOE ao respecto das axudas da Xunta para os colexios  

O pasado día 5 asináronse en Pontevedra un total de 58 protocolos e 2 convenios entre a Xunta e un total de 60 municipios, que beneficiarán a máis de 25.000 alumnos 

Critican que Carmela Silva faga declaracións como presidenta da Deputación de Pontevedra nunha reunión claramente partidista á que só estaban convocados alcaldes socialistas.  



Infogauda / Pontevedra

 A traverso dunha nota de prensa remesada polo grupo provincial do PP de Pontevedra, este mércores, día 25 de maio, a redacción deste xornal dixital, sinálase: "O grupo provincial do Partido Popular de Pontevedra está sorprendido polas declaracións insidiosas dos representantes dos gobernos locais do PSOE e da presidenta da Deputación, Carmela Silva, nas que se afirmaron que a práctica totalidade dos rexidores asinaron os protocolos co fin de mellorar e modernizar diversas dotacións educativas dos seus concellos sen ler o que asinaron, e lembra que todas as actuacións recollidas nos distintos convenios para a mellora das infraestruturas educativas foron previamente informadas desde a Xunta de Galicia e consensuadas cos distintos gobernos locais".  

 O grupo provincial do PP indica igualmente: "A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria  e a práctica totalidade dos concellos de Pontevedra –salvo Pontevedra e Vigo, que contan con plans específicos– asinaron o pasado 5 de maio 58 protocolos e 2 convenios co fin de mellorar e modernizar un total de 116 centros da provincia, nos que se inclúen 103 CEIP (centro de educación infantil e primaria) e 13 CPI (centro público integrado). Unhas actuacións que beneficiarán a máis de 25.000 alumnos e alumnas pontevedreses, con independencia das cores políticas dos concellos e que poñían en valor a cooperación interadministrativa permitindo garantir unha correcta eficiencia na xestión dos recursos públicos.     

 Desde o PP de Pontevedra négase rotundamente que exista discriminación ou agravio comparativo, posto que o que hai é unha lista de prioridades segundo as necesidades dos centros dos 60 municipios de Pontevedra que asinaron este acordo. En todo caso, con seguridade, a Consellería estará disposta a seguir afondando na liña de diálogo e entendemento e emprazará aos responsables destes concellos e á propia Deputación de Pontevedra -á que este ano se lle ofreceu a oportunidade de colaborar e se negou, ao contrario que o ano anterior-, a buscar novas vías de cooperación interadministrativa, tendo en conta que non se está ante un acordo pechado, senón que se poden ir incorporando novas accións segundo as necesidades".   

 Ademais, denuncian "o claro posicionamento partidista da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que lonxe de representar a todos os concellos da provincia, defende unicamente os intereses dos concellos socialistas, facendo declaracións e posicionamentos como presidenta provincial nunha reunión na que únicamente estaban convocados alcaldes do PSOE".    

DOUS CONVENIOS CON CONCELLOS SOCIALISTAS 
 "A maiores cómpre lembrar, que cos concellos de Vilagarcía e A Guarda, ámbolos dous socialistas, asináronse os dous únicos convenios de colaboración, a través dos cales Consellería e os respectivos concellos asumen cada un o 50% do custe da actuación. En concreto, no CEIP de Rubiáns de Vilagarcía acometerase a reforma do ximnasio, cunha achega de 170.000 euros da Consellería; mentres que no CEIP As Solanas da Guarda procederase a mellorar o pavillón anexo ao ximnasio, cunha achega da Xunta de 86.000 euros", conclúen desde o grupo provincial do Partido Popular de Pontevedra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario