A Deputación de Pontevedra achega 72.600 € ao Concello da Guarda para a adquisición dunha varredora
Dentro do Plan Concellos 2016, o goberno provincial leva concedidos 441.272,39 € para A Guarda, o 61,89% do total destinado ao municipio
Infogauda / A Guarda
A Xunta de goberno da Deputación de Pontevedra vén de conceder unha axuda por valor de 72.600 € ao concello da Guarda, dentro da liña 1 -investimentos- do Plan Concellos 2016. A contía será destinada para a adquisición dunha varredora para os servizos municipais.
Dentro do Plan Concellos 2016, na liña 1 de investimentos, esta achega económica hai que engadila aos 75.000 € xa adxudicados para obras de mellora no pavillón das Solanas. Dentro da liña 3 -actividades culturais, deportivas, sociais, turísticas e medioambientais- aprobáronse xa un total de 26.689,5 € para o Entroido, o Torneo de Xadrez, as Andainas, a Feira do Libro, o programa Atletismo na Natureza, a Exposición 2016 e a IX Gala do Deporte.
Ao abeiro da liña 4 -emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais- outorgáronse 160.037,50 € para a contratación de 24 empregados e empregadas para realizar diferentes tarefas municipais. Así mesmo, o goberno provincial tamén destinou xa 106.945,39 € para gastos correntes, amortizacións e pagamentos de débedas (liña 2).
No que vai de ano, a Deputación de Pontevedra leva entregados xa 441.272,39 € ao concello da Guarda, o que representa o 61,89% do total do Plan Concellos para este municipio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario