2 de abr. de 2016

PONTEVEDRA

O Pleno da Deputación rexeita por unanimidade o preacordo europeo con Turquía de devolucións masivas dos migrantes 

A corporación provincial esíxelle tamén á Unión Europea unha resposta humanitaria urxente ante a grave situación que viven as persoas refuxiadas 



Infogauda / Pontevedra

 O Pleno da Deputación de Pontevedra acordou por unanimidade mostrar o seu rexeitamento ao acordo alcanzado entre as xefas e os xefes de Estado e de Goberno da Unión Europea con Turquía, que contempla a devolución a Turquía de todos os migrantes –incluídas as persoas demandantes de asilo, sirios e de calquera outra nacionalidade– que cheguen á Unión Europea. 

 A declaración institucional sinala que, de confirmarse o dito pacto, a Unión Europea non estaría respectando os convenios internacionais sobre o dereito  internacional de asilo.  O Pleno considerou inadmisible facer un acordo de intereses con Turquía utilizando os dereitos das persoas refuxiadas e emigrantes como moeda de cambio e cualificou de "inmoral e de dubidosa legalidade" un preacordo que contravén claramente o dereito de asilo e múltiples convenios internacionais sobre dereitos humanos.

 O Pleno da Deputación de Pontevedra esíxelles, ademais, á Unión Europea e aos estados membros unha resposta humanitaria urxente ante a grave situación que viven as persoas refuxiadas, respectuosa co dereito internacional de asilo e os dereitos  humanos. Neste sentido, ínstase á Unión Europea e aos estados membros á retirada de calquera acordo, pacto, convenio ou  proposta de acción que non respecte o dereito internacional de asilo e os convenios internacionais sobre dereitos humanos asinados pola Unión Europea.  

 Así mesmo, o Pleno súmase ao manifesto Pasaxe Segura, rubricado por multitude de organizacións sociais, sindicatos e partidos políticos de toda Europa, e, neste sentido, insta á UE e aos seus estados membros a que ordenen a creación dun corredor humanitario e que posibiliten, desde o respecto, o asilo destas persoas  entre os 28 estados membros da Unión Europea.

Ningún comentario:

Publicar un comentario