31 de mar. de 2016

TUI

O presidente de Portos de Galicia visitou as instalacións náutico deportivas para comprobar as obras de mantemento e reparación dos pantaláns 

A Consellería do Mar inviste mais de 70.000 euros na reparación das instalacións portuarias de Tui 

Prevese que nunhas semanas rematen as obras de reparación, acondicionamento e posta a punto das instalacións, sempre e cando as condicións meteorolóxicas sexan favorables para poder traballar no río

O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, visitou as instalacións que conforman o porto deportivo de Tui

Infogauda / Tui

 O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, visitou o xoves día 31 de marzo, pola mañá, as instalacións que conforman o porto deportivo de Tui, no río Miño, que conta con case un cento de prazas de atracada para embarcacións, fundamentalmente da sétima lista. Alí adiantou que o seu departamento vai investir máis de 70.000 euros na reparación destas instalacións portuarias, que resultaron danadas polos últimos temporais que afectaron á costa galega. 

 Así, Portos de Galicia procederá ao refincado de catro dos pilotes –adhesión dos pilotes ao solo-, á reparación dos accesos aos pantaláns e outras actuacións nas propias instalacións. Ademais, cabe destacar que o ente público xa retirou 80 toneladas de residuos forestais que arrastrou o propio río e que danaron os pantaláns. Portos de Galicia prevé que as obras estean rematadas nun prazo dunhas semanas, sempre e cando as condicións meteorolóxicas sexan favorables para poder traballar no río.  

 Estas actuacións, enmarcadas dentro dos programas de mantemento e conservación das instalacións portuarias, realízanse co fin de mellorar as vías e accesos aos portos e os servizos portuarios e náuticos, dando resposta ás necesidades dos usuarios que desenvolven a súa actividade neles.

Ningún comentario:

Publicar un comentario