31 de mar. de 2016

PONTEVEDRA

Carmela Silva sinala que toca garantir que o Servizo Contra Incendios sexa o máis eficaz e áxil posible 

A presidenta da Deputación destaca o concurso aberto e transparente para o posto do novo xerente do Consorcio Contra Incendios  


Infogauda / Pontevedra

 A presidenta da Deputación, Carmela Silva, sinalou onte, tras manter a primeira xuntanza co novo xerente do Consorcio Contra Incendios, que agora toca garantir que este servizo sexa "o máis eficaz e áxil posible e que esa vai ser a misión do novo responsable". Silva mantivo hoxe a primeira xuntanza de traballo co novo xerente do consorcio, Roberto Jorge Correa, que foi nomeado hai apenas uns días tras o concurso público para a praza. Precisamente a presidenta subliñou que ata agora esta praza de alta dirección era adxudicada por criterios políticos, pero que, "coa nova Deputación, o sistema de provisión destes postos de alta dirección mudou porque queremos técnicos e profesionais neles e garantir sempre a igualdade de condicións e acceso".  

 O novo xerente, Roberto Jorge Correa, que foi o único que se presentou ao concurso-oposición,  é enxeñeiro forestal e ten experiencia na loita contra incendios ao desenvolver o seu traballo, ata agora, no servizo contra os lumes forestais da Xunta de Galicia.  

 Carmela Silva afirmou sentirse encantada co novo xerente e o seu perfil técnico, ademais de ser un gran coñecedor do sector e por "ter un gran compromiso persoal con este servizo público, tan sensible, como é a loita contra incendios". 

 A presidenta, neste primeiro encontro, xa lle marcou unha serie de obxectivos para garantir un servizo máis áxil e eficaz polo que terá que analizar a situación actual do consorcio e propor aquelas medidas que considere necesario corrixir, tanto por parte da Deputación coma por parte da empresa prestadora do servizo.  

 O Consorcio Provincial Contra Incendios é unha entidade conformada pola Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia que conta con catro parques de extinción de incendios localizados no Porriño, Bueu, Ribadumia e Vilagarcía de Arousa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario