A Deputación de Pontevedra posibilita que 26 mozas e mozos realicen as súas prácticas de Formación Profesional en Italia e Reino Unido
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou que "o programa Erasmus+ Practicum Depo 2015 permite que o alumnado adquira novas competencias lingüísticas, novos coñecementos e novas habilidades para adaptarse mellor ao mundo global"
Infogauda / Pontevedra
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto á deputada delegada de Emprego, Montserrat Magallanes, inauguraron esta mañá no Pazo provincial a xornada de preparación da mobilidade Erasmus+ do Practicum Depo 2015, co obxectivo de darlles a coñecer aos 26 participantes nesta segunda mobilidade en que consiste o proxecto e como se teñen que preparar.
A xornada consistiu nunha presentación do programa, achega de documentación, formación ao alumnado sobre as características da mobilidade, condicións de aceptación da bolsa, compromisos das persoas participantes, trámites, dereitos e deberes, CV formato Europass, así como consellos prácticos sobre a viaxe, coberturas de seguros, tarxeta sanitaria ou teléfonos de interese, entre outros temas. Un grupo de persoas, ademais, transmitiron a súa experiencia persoal neste programa.
Carmela Silva subliñou a importancia de investir os recursos públicos en programas como este, que "posibilita que mozas e mozos da provincia de Pontevedra, neste mundo global que vivimos, teñan a oportunidade de aprender a adaptarse ao entorno, abrir as súas mentes e incrementar as súas posibilidades de inserción no mercado laboral". Ademais, a presidenta da Deputación de Pontevedra asegurou que, a través de Erasmus+ Practicum Depo 2015, "o alumnado terá a oportunidade de adquirir novas competencias lingüísticas, novos coñecementos e novas habilidades para adaptarse mellor ao mundo global".
Durante a súa intervención Silva agradeceu o compromiso dos alumnos, das súas familias e das súas profesoras e profesores. Así, a presidenta da Deputación manifestou que "hai servidores públicos, neste caso docentes, que, sen estar obrigados, adquiren compromisos impagables, que van máis alá da súa tarefa como mestras e mestres e que toda a cidadanía llelos debe agradecer. Grazas a elas e a eles este programa é unha realidade".
As 26 mozas e mozos que participarán na segunda mobilidade Erasmus+ Practicum Depo 2015 iniciarán as prácticas en empresas o 24 de abril e rematarán o 5 de novembro de 2016. Así, 17 alumnas e alumnos desprazaranse a Arezzo e Catania, en Italia, e 9 a Londres e Belfast, no Reino Unido. O alumnado da segunda mobilidade de Erasmus+ Practicum Depo 2015 pertence a centros educativos de Marín (IES Chan do Monte), Pontevedra (IES A Xunqueira I e Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán), Sanxenxo (IES Vilalonga), Silleda (IES Pintor Colmeiro), Vila de Cruces (IES Marco do Camballón) e Vigo (IES Ricardo Mella, IES Chapela, IES Politécnico e Centro de Formación Divino Maestro).
Practicum Depo 2015, enmarcado no programa europeo Erasmus+ para o período 2014-2020, ten por obxectivo que as e os participantes adquiran novos contidos relacionados coa súa profesión, coñezan a cultura do país de destino, melloren o dominio de linguas, detecten oportunidades de emprego e, en definitiva, complementen os seus coñecementos.
Mediante este programa a Deputación de Pontevedra promove a mobilidade de estudantes de ciclos medios de Formación Profesional, que ten por obxectivo realizar prácticas en empresas estranxeiras durante 196 días para facilitarlles o proceso de transición do ámbito da educación e a formación ao mercado laboral. Os beneficiarios deben residir no noso país, ser maiores de 18 anos e iniciar e finalizar a súa mobilidade durante os 12 meses posteriores á data de obtención da súa titulación.
En total participan no programa Erasmus+ da Deputación de Pontevedra 123 alumnas e alumnos de 18 centros educativos da provincia de Pontevedra que realizarán prácticas formativas en Finlandia (21 persoas), Francia (30 persoas), Italia (37) e Reino Unido (35). Destas 123 alumnas e alumnos, 41 xa están a gozar da primeira mobilidade (iniciada en outubro e que rematará en maio de 2016) e 26 comezarán o vindeiro 24 de abril. A terceira mobilidade, que comprenderá un grupo de 56 alumnas e alumnos, iniciarase en outubro de 2016.
Para poder afrontar a estadía a Deputación de Pontevedra, a través do programa Practicum Depo 2015, outorga axudas económicas distribuídas en contribucións para a viaxe (arredor de 275 €) e para aloxamento, manutención e transportes locais (entre 7.934 e 9.602 €).

Ningún comentario:
Publicar un comentario