A Deputación de Pontevedra acolle a presentación do calendario do Colexio Rural Agrupado Mestra Clara Torres
Carmela Silva subliñou que este calendario, que inclúe tarefas educativas para facer en familia, "soamente podía ser iniciativa de mestras e mestres, impulsoras e impulsores das grandes ideas"
Infogauda / Tui
A Deputación de Pontevedra acolleu a presentación do calendario do C.R.A. (Colexio Rural Agrupado) Mestra Clara Torres, de Tui, impreso pola imprenta da institución provincial. O calendario, que inclúe tarefas educativas para facer en familia incide este ano, como novidade, en establecer unha ponte de unión con Valença, ó estar redactado en galego e portugués.
A Presidenta da Deputación de Pontevedra subliñou que esta actuación "soamente podía ser iniciativa de mestras e de mestres, impulsoras e impulsores das grandes ideas" e aplaudiu o concepto do calendario que, ademais, "fomenta e impulsa a relación fluída xa existente nesta zona con Portugal". Por todo elo, a Deputación de Pontevedra colaborou co CRA Mestra Clara Torres de Tui a través da impresión de 200 unidades do seu calendario.
O calendario que elabora o CRA tudense ten como fin facer posible que a educación se converta nunha tarefa compartida e nun compromiso. Para elo, o calendario inclúe, entre outras cuestións, propostas de aprendizaxe para realizar en familia e que inclúen actividades para o tempo de ocio, procuras de tesouros, cine en familia, lecturas recomendadas para as nenas e os nenos, lecturas para adultos, educación ambiental e responsable, actividades para realizar en inglés, música recomendada e pautas de respiración para a mellora da fala.

Ningún comentario:
Publicar un comentario