Román Rodríguez salienta, na entrega dos XXI Premios San Clemente, a importancia da lectura na formación dos máis novos
Pedro Feijoo, Javier Cercas e Colm Tóibín, xa galardoados anteriormente neste certame, recolleron os premios da edición de 2015
Por primeira vez, e como novidade polas dúas décadas de vida do concurso, participaron como xurado centros educativos de outros países europeos
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou esta tarde na entrega dos XXI Premios San Clemente
Foto: Ana Varela
Infogauda / Santiago de Compostela
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou esta tarde na entrega dos XXI Premios San Clemente, un certame creado e organizado polo IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela e cuxa especial simboloxía radica en que son as alumnas e alumnos de varios centros educativos os que exercen como xurado. Durante a súa intervención o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou a importancia da lectura na formación dos máis novos.
Neste sentido lembrou que o amor pola lectura e o hábito lector chega ao alumnado inculcado polas familias e os docentes. “Un importante legado, sen dúbida, xa que a lectura é unha das principais vías de acceso ao coñecemento, amplía o vocabulario e mellora a capacidade expresiva”. Así mesmo o conselleiro quixo destacar a necesidade de adquirir boas competencias neste ámbito, imprescindibles para unha boa utilización das novas tecnoloxías se non se pode analizar un texto. “Na sociedade tecnoloxizada do século XXI, a información é rápida e continua e esixe unha compresión inmediata”, dixo. Novidades no certame
Na edición de 2015, e celebrando as dúas décadas de vida do certame, por primeira vez o galardón recae en 3 autores que xa o recibiran con anterioridade. Deste xeito, na categoría de Lingua Galega o premio foi para ‘A memoria da choiva’, unha obra de Pedro Feijoo, que xa resultara galardoado en 2014 por ‘Os fillos do mar’; mentres que o de Lingua Castelá foi para ‘El impostor’, de Javier Cercas, autor que xa recibira o San Clemente en 2007 por ‘La velocidad de la luz’. Na modalidade de Lingua Estranxeira o gañador foi Colm Tóibín por ‘O Testamento de María’, escritor que xa recibira en 2012 o premio por ‘Brooklyn’.
Así mesmo, incorporáronse ao xurado estudantes de varios centros educativos europeos, en concreto o Hockerill College de Londres, o Lycée Saint Français Xavier de Vannes (Bretaña francesa), o Grimmelshausen Gymnasyum de Gelnhausen (Frankfurt), e a Escola Secundaria de Santa Comba Dão (Viseu). Xunto con eles, foron xurado estudantes do propio IES Rosalía de Castro e dos IES Xelmírez I (Santiago de Compostela), Lucus Augusti (Lugo), Pintor Colmeiro (Silleda) e Ferro Couselo (Ourense)
Unha iniciativa da comunidade educativa
Os Premios Arcebispo Juan de San Clemente naceron dunha iniciativa do director do IES Rosalía de Castro, Ubaldo Rueda, e de dous profesores de matemáticas, Francisco López Piñeiro e Maribel Marín; con tres modalidades – Lingua Galega, Castelá e Estranxeira- e cun xurado conformado por alumnos do propio IES e de outros 4 institutos galegos escollidos cada edición por sorteo.
Ademais do que o certame supón no referido ao estímulo do hábito lector entre os estudantes, o éxito do Premio dálle ás alumnas e alumnos que conforman o xurado a oportunidade de compartir unha xornada cos autores galardoados que, ano tras ano, acoden a Santiago de Compostela a recoller este recoñecemento.
Nestas dúas décadas de historia o galardón colleitou unha excelente acollida entre os autores, algúns deles premios Nobel, como Mario Vargas Llosa ou José Saramago.
Ningún comentario:
Publicar un comentario