2 de feb. de 2016

CULTURA

Coa presentación da obra ‘Ramón Lugrís. Sempre Galicia, Sempre Europa’, a Secretaría Xeral de Política Lingüística réndelle homenaxe póstuma ao tradutor ferrolán 

Valentín García lembra “o gran labor que intelectuais cheos de amor e admiración por Galicia, como Ramón Lugrís, fixeron polo europeísmo e a proxección internacional da nosa lingua e cultura” 

O escritor, xornalista e tradutor ferrolán faleceu o pasado 2 de decembro en Cidade Real


Infogauda / Santiago de Compostela

 O libro ‘Ramón Lugrís. Sempre Galicia, Sempre Europa’, sobre este tradutor e xornalista recentemente falecido, presentouse este martes no salón de actos da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Trátase da novena entrega da colección Texturas Internacionais que publica o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) co patrocinio da Secretaria Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.  

 O titular do departamento, Valentín García, destacou “o gran labor que intelectuais cheos de amor e admiración por Galicia como Ramón Lugrís fixeron polo europeísmo e a proxección internacional da nosa lingua e cultura”. Lembrou como “o inmenso traballo desenvolvido por Lugrís valeu de mostra e exemplo a moitos outros que hoxe fan que nos sintamos orgullosos do volume de obras escritas noutras linguas e traducidas ao galego ou de como as creadas na nosa lingua se editan en países e culturas tan distantes como Rusia ou o Xapón.”  
Grande, Ríos e os colaboradores 
 O libro ‘Ramón Lugrís. Sempre Galicia, Sempre Europa’ fíxose posible mercé ao traballo de Xosé Luís Franco Grande e Xulio Ríos, así como pola achega de materiais diversos sobre a figura do xornalista e escritor ferrolán. Nel tamén colaboran Carlos Baliñas, Miguel Barros e Gonzalo Rodríguez Mourullo. Foi precisamente no despacho deste último, en Madrid, onde lle foi entregado o volume ao propio Ramón Lugrís, quen faleceu apenas semanas despois, o día 2 de decembro, en Cidade Real, onde residía nos últimos anos tras longos periplos en Londres, Nova York ou Barcelona. Contaba con oitenta e tres anos de idade.  

 Por esta proximidade no tempo, o acto de presentación deste martes supuxo tamén unha homenaxe a Ramón Lugrís. Nel emitiuse un breve documental que amosa as diferentes etapas da súa vida.     
O contido da obra 
 O libro ábrese cunha longa entrevista a Lugrís, realizada por Franco Grande e Ríos, e titulada ‘Continúo sendo un convencido europeísta’. A seguir, a obra reproduce catro ensaios que analizan, desde ángulos complementarios, a vida e a obra de Lugrís: ‘No principio foi Ramón Lugrís’, asinado por Franco Grande, quen dá razón do contido integral e analiza dúas conferencias de Lugrís que permanecían parcialmente inéditas; ‘A iso das catro da tarde. Un bypass na tradición galeguista’, de Carlos Amable Baliñas Fernández, quen rememora o tempo compartido con Lugrís nas aulas universitarias dos 50 e mesmo episodios posteriores; ‘Carta a Ramón Lugrís cincuenta anos despois’, onde Rodríguez Mourullo recunca tamén na Compostela daquela década para dar a súa versión da desavinza protagonizada por Piñeiro e el con Lugrís como paciente e comprensivo amigo de ambos os dous; e ‘Tralas pegadas de Ramón Lugrís’, longo artigo de Miguel Barros Puente no que analiza algúns traballos xornalísticos de Lugrís para teorizar sobre o seu pensamento político e as súas lecturas ideolóxicas dos conflitos internacionais sobre os que se manifestou por escrito.  

 O volume remata cunha xenerosa escolma de artigos do propio Lugrís titulada ‘Apuntes británicos (e outros)’: case unha vintena de textos escritos entre 2009 e 2011 que foron compilados, maioritariamente, das páxinas do extinto semanario ‘A Nosa Terra’ e, en menor medida, da plataforma IGADI.org.  

 Un caderno fotográfico final no que se recollen instantáneas do Lugrís neno, mozo universitario e profesional do xornalismo e da tradución con distintos familiares, amigos e diversos persoeiros e intelectuais pon o ramo a esta obra ideada e confeccionada antes do pasamento do autor, polo que cobra un inequívoco sentido de homenaxe póstuma.  
Biografía abreviada de Ramón Lugrís 
 Nacido na cidade departamental en 1932, Lugrís formou parte do grupo inicial do galeguismo organizado en Santiago nos anos 50, arredor de Ramón Piñeiro, de quen foi considerado durante moito tempo a súa ‘man dereita’. Lugrís foi dos primeiros animadores do proxecto europeísta e do federalismo galeguista, se ben nos últimos anos manifestouse máis crítico coa deriva europea.  

 O labor de Lugrís discorreu principalmente polo seu traballo como tradutor (na Organización Internacional do Café ou nas Nacións Unidas en Nova York) e como xornalista en diferentes medios (desde a BBC á axencia EFE).  

 Nos últimos anos pasara a formar parte do Consello Reitor do IGADI, a quen prestaba o seu asesoramento, colaborando ademais con ensaios, relatorios e artigos publicados en diferentes medios e relativos a temas fundamentalmente europeos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario