Galicia rexistra en xaneiro 22.555 persoas desempregadas menos que hai un ano
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, resaltou hoxe que as persoas sen emprego diminuíron nun -8,71% con respecto a xaneiro de 2015
É o vixésimo sétimo descenso consecutivo e o terceiro ano consecutivo que se acada reducir o paro rexistrado nun mes de xaneiro en termos interanuais
Por provincias baixa en todas na evolución interanual e por sectores na industria e o primario en comparación co mes anterior
As afiliacións á Seguridade Social creceron nun 1,92% con respecto a hai un ano, o que supón 22 meses consecutivos de aumento, desde abril de 2014
Toca indicou que os datos sitúan a Galicia en niveis de paro inferiores aos de hai 5 anos e que reflicten que “estamos no camiño da recuperación económica”
Infogauda / Santiago de Compostela
Galicia pechou o mes de xaneiro con 22.555 persoas desempregadas menos que hai un ano, situándose o número de persoas sen emprego en 236.447. Polo tanto, os desempregados diminuíron nun -8,71% na evolución interanual –de xaneiro a xaneiro.
A secretaria xeral de Emprego, Covando Toca, sinalou hoxe que é o vixésimo sétimo descenso consecutivo interanual e o terceiro ano consecutivo no que se acada reducir o paro rexistrado en termos interanuais nun mes de xaneiro. Así mesmo, destacou que é a maior baixada interanual en termos absolutos de toda a serie histórica, isto é desde 1996. Grazas a esta evolución, Toca afirmou que “a nosa Comunidade sitúase a niveis de paro inferiores aos de hai 5 anos”.
Con respecto ao Estado, Galicia segue a presentar un mellor comportamento que o Estado en termos interanuais. Baixa o paro en 0,43 puntos máis que o Estado.
A Comunidade autónoma mantén, polo tanto, esta boa evolución interanual do paro rexistrado, aínda que en comparación co mes pasado aumenta nun 3,34%. Ao respecto, Toca explicou que os incrementos de paro rexistrado nos meses de xaneiro son habituais debido ao remate da campaña do Nadal. De xeito, o sector servizos rexistrou o maior incremento, en concreto, en 7.336 persoas. Neste senso, subliñou que estes ascensos vénse producindo ao longo de toda a serie histórica, aínda que resaltou que nos últimos dous anos acadáronse aumentos porcentuais inferiores aos de comezo da crise. “Reflíctese, polo tanto, que estamos no camiño da recuperación económica”, engadiu.
En canto aos datos por provincias, o paro rexistrado descendeu de xeito interanual en todas elas. A Coruña rexistrou a maior baixada con respecto a xaneiro de 2015, nun -9,37%, seguida de Pontevedra cun -8,57%; Lugo cun descenso do -8,54%; e Ourense cun -6,97%. Por sectores, e, en comparación co mes anterior, as persoas sen emprego baixaron na industria nun -1,10% e no primario nun -0,09%.
Na evolución dos contratos, é preciso sinalar que Galicia pecha xaneiro de 2016 cun 0,43% máis que hai un ano e con respecto ás afiliacións aumentaron nun 1,92% en comparación con hai un ano. Isto significa que xa son 22 os aumentos consecutivos, desde o mes de abril de 2014, nas que Galicia rexistra unha interanual positiva en termos de afiliación á Seguridade Social. “Este dato reflicte que o crecemento estase a consolidar”, rematou Toca.
Ningún comentario:
Publicar un comentario