A Xunta de Galicia destaca o récord de peregrinos acadado en 2015 e a oportunidade que supón o Camiño de Santiago para a vertebración do territorio e o desenvolvemento económico
Alfonso Rueda participou no ciclo de Conferencias “Inverno Xacobeo”, organizado pola Asociación Xacobea de Málaga
Alfonso Rueda participou no ciclo de Conferencias “Inverno Xacobeo”, organizado pola Asociación Xacobea de Málag
Infogauda / Málaga
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou os 262.000 peregrinos chegados a Galicia en 2015 como unha cifra récord, por encima incluso de anos anteriores a 2010 e a contribución do Camiño de Santiago ao fomento dos valores da tolerancia que son o núcleo da Europa contemporánea. “No camiño, os pobos europeos aprenderon a non ver ao diferente como un inimigo senón coma un compañeiro de viaxe, por iso recibiu o Premio Príncipe de Asturias á Concordia no ano 2004”, indicou.
Alfonso Rueda participou na tarde de onte venres, en Málaga na inauguración da Exposición “Vía Iacobitana”, así como no Ciclo de Conferencias “Inverno Xacobeo 2016” co relatorio “O Camiño de Santiago, non só unha peregrinación relixiosa”, que organiza a Asociación Xacobea de Málaga.
O vicepresidente puxo en valor a “oportunidade inmensa” que supoñen os Camiños de Santiago para vertebrar un territorio, desenvolver a súa actividade económica, innovar nela, mellorar a súa calidade e o seu atractivo.
Durante a súa conferencia, Rueda explicou que os Camiños de Santiago non só están servindo para Galicia como reclamo turístico e como elemento de dinamización económica senón que son un factor moi importante tamén para potenciar a creación de oportunidades no rural e a reactivación demográfica de zonas en declive.
Respecto ao Plan Director, aprobado en 2015, o vicepresidente explicou que constitúe a folla de ruta para modernizar os Camiños de Santiago ata o ano 2021, data do próximo Xacobeo, con accións concretas para acondicionar as diferentes rutas. En total, o Plan Director prevé un investimento total entre 2016 e 2021, de 56 millóns de euros, once cada ano. “Un investimento cun retorno previsto moitísimo maior”, indicou.
Por último, Alfonso Rueda ofreceu toda a colaboración da Xunta de Galicia ás persoas e institucións que estean interesadas na activación dos camiños e achegou tres recomendacións breves: participación da sociedade civil, máxima coordinación entre todos os axentes e planificación por obxectivos, tal e como está a facer Galicia con súa folla de ruta que é o Plan Director 2016-2021.
Ningún comentario:
Publicar un comentario