A Xunta de Galicia reitera o seu compromiso coa seguridade e entrega 14 motocicletas a policías locais de Pontevedra, Lugo e Ourense
O vicepresidente, Alfonso Rueda, entregou motos aos concellos da Estrada, Baiona, Cangas, Marín, Mos, Ponte Caldelas, Ponteareas, Salceda de Caselas, Tomiño, Tui, Vilagarcía, Vilanova de Arousa, Celanova e Monforte de Lemos
A entrega de motos, ao igual que se fixo con outros 55 vehículos policiais, estase a realizar ao abeiro dunha orde de subvencións dotada de máis de un millón de euros
O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, fixo entrega hoxe de 14 motocicletas á Policía Local de varios concellos pontevedreses
Infogauda / Pontevedra
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega onte venres, de 14 motocicletas á Policía Local dos concellos pontevedreses da Estrada, Baiona, Cangas, Marín, Mos, Ponte Caldelas, Ponteareas, Salceda de Caselas, Tomiño, Tui, Vilagarcía e Vilanova de Arousa; Celanova, en Ourense; e Monforte de Lemos, en Lugo.
O acto tivo lugar esta mañá na delegación da Xunta en Pontevedra, e contou coa presenza do delegado territorial na provincia, José Manuel Cores Tourís. As entregas destas motos, que comezaron o pasado luns, coa achega doutras 12 motos na Coruña, estanse a realizar ao abeiro dunha orde de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, dotada de máis de un millón de euros.
Así mesmo, ao abeiro desta orde, tamén se entregaron 55 vehículos aos corpos da policía local de distintos concellos galegos. Precisamente, 9 dos concellos beneficiarios hoxe cunha moto xa recibiran tamén un vehículo policial Citroën C4 Cactus. Trátase da Estrada, Baiona, Celanova, Marín, Monforte, Mos, Salceda de Caselas, Tomiño e Vilagarcía de Arousa.
A entrega deste material reforza a colaboración entre a Xunta e os concellos para a mellora dos servizos de seguridade e de xestión de emerxencias de Galicia. Por iso, Rueda destacou a importancia desta dotación, que permite mellorar os medios técnicos e a mobilidade policial, e polo tanto prestar un servizo mellor e máis rápido á cidadanía.
Esta é unha actuación máis que se suma as colaboracións coas Administracións que, dende a Xunta, realízanse anualmente en materia de seguridade e emerxencias, como é o caso da cooperación cos voluntarios da Protección Civil, a formación na Academia Galega de Seguridade Pública, cos Grupos de Emerxencia Supramunicipais ou cos parques de bombeiros comarcais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario