27 de xan. de 2016

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra reúnese con representantes do sector empresarial da provincia para impulsar o CPAE 2.0 

A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, subliñou que "as administracións deben responder aos retos da sociedade e, hoxe en día, o principal reto ao que nos enfrontamos é crear emprego para impulsar o crecemento económico"  



Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra acolleu esta mañá unha reunión con representantes do sector empresarial da provincia para impulsar o Centro Provincial de Asesoramento Empresarial. Acudiron ao Pazo provincial representantes de AJE Pontevedra, APE Galicia, OPA Galicia, AGTAMAR-UPTA, ATA, AEMPE, Executivas Galicia e AUGA, que valoraron "moi positivamente a posta en marcha de reunións, coma a de hoxe, para afondar na colaboración entre asociacións empresariais e a Deputación de Pontevedra".  

 Este encontro cos axentes empresariais da provincia de Pontevedra serviu para dar a coñecer o CPAE 2.0, unha rede formada por seis centros (situados en Lalín, Cambados, Pontevedra, Vigo, Ponteareas e O Porriño), que lle prestan un servizo de información a pemes da provincia de Pontevedra e teñen por obxectivo potenciar o desenvolvemento económico da provincia a través das tecnoloxías, aumentar a produtividade, introducir a innovación, facilitar a implantación do comercio electrónico e impulsar a venda en liña.  

 Carmela Silva asegurou que, "tal e como estaba configurado, o CPAE 2.0 non respondía á demanda e necesidade das pemes e autónomos da provincia de Pontevedra". Por iso, co obxectivo de optimizalo e dar resposta ás necesidades das pemes e os autónomos, a Deputación de Pontevedra puxo en marcha este encontro, que serviu para darlles a coñecer o CPAE aos axentes implicados, coa finalidade de que o avalíen e acheguen as súas necesidades para, en palabras de Silva, "sumar sinerxías e crear espazos de diálogo que si respondan a demandas reais que sirvan para poñer en marcha procesos de internacionalización, tan necesarios no mundo globalizado no que vivimos".   

 A presidenta manifestou que "as administracións deben responder aos retos da sociedade e, hoxe en día, o principal reto ao que nos enfrontamos é crear emprego para impulsar o crecemento económico". Neste contexto, Silva destacou que "nos seis meses de goberno estamos poñendo en marcha cuestións e medidas de apoio aos emprendedores, aos autónomos e ás pequenas e medianas empresas". Tamén subliñou que, ademais de optimizar o Centro Provincial de Asesoramento Empresarial, "estamos impulsando dous espazos de coworking, en Barro-Meis e Lalín, mellorando as bolsas de estudantes universitarios e de formación profesional, e impulsando un plan de actuación turística, que queremos desenvolver coa colaboración dos 62 concellos da provincia, pero tamén co sector empresarial, para conseguir impulsar a provincia de Pontevedra".

Ningún comentario:

Publicar un comentario