O goberno da Deputación de Pontevedra considera inaceptable a decisión do goberno de España sobre a prórroga a Ence
Infogauda / Pontevedra
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, cualificou de "incomprensible e intolerable que o goberno central, un goberno en funcións, tome a decisión de prorrogar a ubicación de Ence en Pontevedra de forma totalmente unilateral. É inaceptable que un goberno en funcións poida tomar unha decisión coma esta, que compromete o futuro da cidade durante os próximos 60 anos".
Silva comunicou que o goberno provincial, que integran PSOE e BNG, "apoia as reivindicacións que lidera o alcalde de Pontevedra, Miguel Ángel Fernández Lores, que, ademais, ten o apoio do grupo municipal socialista no Concello". A presidenta lembrou que "xa en Xunta de Goberno da Deputación aprobamos unha declaración na que pedíamos o cambio de ubicación de ENCE, que se buscase unha localización diferente á ría de Pontevedra. Por tanto, imos estar á beira de todos aqueles, co alcalde Lores á cabeza, reivindicando que se escoite e respecte a decisión das pontevedresas e os pontevedreses", engadiu Carmela Silva.
O vicepresidente provincial, César Mosquera, ao igual que a presidenta da Deputación, sinalou hoxe que a confirmación da prórroga da concesión de Costas á empresa Ence é inaceptable. Asegurou que "resulta escandaloso que se lle regalen máis de 1.000 millóns de euros a unha gran empresa mentres que aos pequenos empresarios e particulares con casas afectadas por Costas se lles masacre aplicando a lei. Lembrando os clásicos da literatura española hai que dicir que 'Poderoso caballero es don dinero'".
Así mesmo, o vicepresidente subliñou que a decisión de ampliar a concesión a Ence evidencia que "as decisións son cada vez menos democráticas e non se toman para ben xeral, senón para o interese dos que teñen capacidade de influír en certos sectores cada vez máis opacos". Mosquera finalizou a súa valoración sobre a permanencia de Ence en Lourizán asegurando que "seguiremos batallando para recuperar a ría de Pontevedra".
Ningún comentario:
Publicar un comentario