O deputado provincial de Cultura e Lingua presentou a representación da obra 'Os vellos non deben de namorarse' adaptado a teatro de marionetas
Xosé Leal: "Esta estrea será a primeira das grandes actuacións do Ano Castelao"
Infogauda / Pontevedra
O deputado provincial de Cultura , Xosé Leal, acompañado polo director do Museo, Carlos Valle, e polo director e fundador da compañía Fantoches Baj, Inacio Vilariño, presentou esta mañá a estrea da obra 'Os vellos non deben de namorarse' adaptada a teatro de marionetas. Leal sinalou que "esta estrea será a primeira das grandes actuacións do Ano Castelao" e lembrou que ademais no mes de agosto se cumprirá o 75 aniversario da estrea en Bos Aires desta obra "polo que esta representación ten aínda máis relevancia neste ano. "Foi a única obra de teatro deste autor, pero supuxo todo un referente no mundo do teatro, tanto pola maneira de tratar a dramaturxia como a escenografía" asegurou o deputado provincial.
'Os vellos non deben de namorarse' será representada no Museo de Pontevedra o sábado 30 de xaneiro, en conmemoración do día do nacemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. A estrea será ás 12:00h no Auditorio do Sexto Edificio e todas as persoas interesadas en asistir terán que retirar con antelación unha entrada gratuíta na recepción do propio Museo. O día anterior, o venres 29, realizaranse dous pases para alumnado de terceiro e cuarto da ESO de centros escolares da provincia de Pontevedra. As prazas para estes dous pases escolares, un total de 445, foron adxudicadas por rigorosa orde de solicitude e esgotáronse en menos de tres días (xúntase listaxe de centros escolares). Ademais da representación desta obra, Xosé Leal fixo especial fincapé en "que estamos traballando para que este ano o teatro teña unha gran presenza ao longo de toda a provincia, para o que levaremos obras teatrais, que en moitos casos tamén estarán relacionadas con Castelao, polos concellos".
A adaptación da obra correu a cargo da compañía Fantoches Baj, cuxo director e fundador, Inacio Vilariño definiu como "unha superprodución no mundo das marionetas", con 40 marionetas, 10 espazos escénicos, máis de 12 pezas musicais das cales 3 son as que se conservan nas partituras orixinais do propio Castelao, e coa participación de 40 músicos e músicas de Lalín.
Inacio Vilariño asegurou que se trata dunha obra feita expresamente para o Museo de Pontevedra, atendendo ao espazo escénico do Auditorio do Sexto Edificio e á relación do Museo coa obra do autor rianxeiro, "non só o que está á vista senón tamén aos dous manuscritos orixinais que se conservan aquí e nos que se recollen os deseños orixinais desta obra e as tres partituras da música" engadiu. Vilariño lembrou ademais que "a raíz da exposición do Museo de Pontevedra no ano 2000 sobre Castelao cambiou a miña visión sobre a súa obra e a partires de entón desenvolvín un traballo de banda deseñada sobre o autor e finalmente decidín acometer esta produción". En palabras do director "a obra é coma unha copia dun espectáculo de teatro representado por marionetas". Pola súa banda, o director do Museo, Carlos Valle, amosou a súa satisfacción porque esta produción se estree no Museo afirmando que "pechamos un círculo e abrimos un abano", en referencia a como nace a idea desta produción a partires da exposición do ano 2000 e ao percorrido da propia obra ao longo deste ano no que se conmemora o Ano Castelao promovido pola Real Academia Galega das Belas Artes, o centenario da chegada do autor a Pontevedra, e o 75 aniversario da estrea da propia obra.
"Os vellos non deben de namorarse" adaptado a marionetas tamén será representado o día 30 de xaneiro pola parte en Rianxo, vila natal de Castelao, e o día 1 de abril, día das Artes Galegas, en Lalín.
Listaxe de centros escolares admitidos nos pases do sábado 29:
I.E.S. San Paio (Tui), C.P.I. Manuel Padín Truiteiro (Soutomaior), I.E.S. Armando Cotarelo Valledor (Vilagarcía), C.P.I. Da Ribeira (O Porriño), I.E.S. A Xunqueira II (Pontevedra), C.P.R. Hermanos Quiroga (O Porriño), I.E.S. Johán Carballeira (Bueu), I.E.S. A Xunqueira I (Pontevedra), C.P.I. Do Mosteiro (Meis), e I.E.S. Santa Irene (Vigo).
Ningún comentario:
Publicar un comentario