12 de xan. de 2016

CULTURA

Presentado na Casa de Galicia en Madrid, "Sombra de Luna", de Francisco Álvarez "Koki", no que o poeta galego recolle tres décadas de vivencias en New York

O acto contou coas intervencións de Vicente Araguas, Antonino Nieto e Basilio R. Cañada

Vista parcial do salón da Casa de Galicia, en Madrid, onde Francisco Álvarez "Koki", presentou seu poemario "Sombra de Luna"
Fotos: Casa de Galicia



Casa de Galicia / Madrid

 "Sombra de Luna, é a metamorfose interior da alma  do poeta. É unha vida en moitas vidas que deambulando desde Harlem á Quinta soñan e sofren  diariamente, no limbo das palabras". Desta forma define o seu libro o poeta galego afincado en Nova York desde os anos oitenta, Francisco Álvarez "Koki". A obra, a duodécima do autor, compóñena 72 poemas que reflicten as inxustizas, ilusións, amor e dor sobre as vivencias na cidade dos rañaceos.  

Francisco Álvarez "Koki" - segundo pola esquerda - xunto coas persoas que participaron na presentación de "Sombra de Luna"

 A Casa de Galicia/Delegación da Xunta en Madrid acolleu esta tarde o acto de presentación no que interviñeron, en primeiro lugar o coordinador de Actividades, Ramón Jiménez, en nome do delegado da Xunta e director da Casa, José Ramón Ónega; seguido do presidente do Grupo Editorial Sial Pigmalión, Basilio Rodríguez Cañada; o crítico literario e poeta Vicente Araguas; o poeta e xestor cultural Antonino Nieto; e o propio autor, Francisco Álvarez "Koki". 

 Nas súas palabras, Rodríguez Cañada sinalou que o autor "fusiona os recordos e remembranzas da adolescencia e primeira mocidade en terras galegas coa fascinación e o descubrimento da Gran Mazá. Sintetiza a experiencia do desarraigamento coa literatura en xeral e a poesía en particular, nunha obra que tamén é unha homenaxe aos seus autores de referencia".  

 Para Vicente Araguas, "Koki é un poeta que está fóra, pero que nunca estivo fóra, porque a súa poesía é como estar na casa, pero coa lúa dentro".  

 Mentres, Antonino Nieto, que recitou algúns dos seus poemas, define a obra como "o fogar: o oco profundo da terra: recordos entre sabas de tempo" e a Koki, "nese arcón da alma do que tanto fala no libro sala de espellos, varre mares embrutecidos, rompe sanador o ouro dos fusís".  

O poeta de A Estivada (A Guarda), asinando exemplares do seu novo poemario o remate da presentación

 Pola súa banda, para Francisco Álvarez "Koki", que é autor dunha ducia de libros, deles varias antoloxías de escritores hispanos en Nova York, esta obra é "unha canción en parto de trinta anos, agarrado á saia da dor e do goce" e na que aparecen moitos aspectos da vida que ilustrou con algúns poemas como, Despertar, "onde os minutos, son un afiche do demo". En Ausencias, fai unha homenaxe ás Nais da Praza de Maio, e nel  pide e berra "pechar esta necrolóxica". Tamén están os temas propiamente da cidade. En Luna llena, "o vento da paixón é un trasgo solitario". Manuel, dedicado a un xornalista amigo asasinado polos narcos. Ou en Broadway, onde a rúa é un río de xente, con diferentes historias.  

 "En Sombra de Luna, abro o corazón para que leamos como dicía Lorca ao duende, o duende de Sombra de Luna", dixo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario