CINEMA
"LURNA" DO REALIZADOR NANI MATOS XA TEN DATA DE ESTREA
Será o venres día 15 de xaneiro, ás 21:00 horas, no Teatro Principal de Pontevedra
Entrada de balde ata completar aforo
Cartaz deseñado por Borja Doel
Infogauda / Pontevedra
Como xa preveíamos na información que publicamos fai uns días, a estrea de "Lurna", do realizador Nani Matos Barcia, non ía demorarse. De feito será o vindeiro venres día 15 de xaneiro, ás 21:00 horas, no Teatro Principal de Pontevedra (Rúa Paio Gómez Chariño, 6). A entrada e de balde ata completar o aforo (434 persoas).
Que a estrea sexa ese día - festividade de San Amaro -, non deixa de ser unha chiscadela do cineasta camposino, que onde queira que se atope, sempre ten Camposancos na súa lembranza.
Que a estrea sexa ese día - festividade de San Amaro -, non deixa de ser unha chiscadela do cineasta camposino, que onde queira que se atope, sempre ten Camposancos na súa lembranza.
"LURNA", UNHA HISTORIA DE FORTE CONTIDO SOCIAL
A historia, que leva por título "Lurna", conta no seu elenco con Diaryatou Daff, coñecida actriz senegalesa afincada en Madrid, que alcanzou a fama ao traballar co oscarizado Javier Bardem na película "Biutiful", de Alejandro González Iñárritu.
Ademais da xoven africana, tamén traballan neste proxecto outros actores coñecidos como Luis Iglesia, Xavier Deive, Santi Prego, Miro Magariños, Xose M. Esperante ou Humy Doado. Todos eles, caras coñecidas nas diversas producións da comunidade autónoma galega ou rostros das series que se emiten na televisión pública de Galicia.
Esta nova curta, rodouse maioritariamente na cidade pontevedresa - onde reside Nani Matos desde fai uns anos -, agás un día, no que o equipo formado por unhas 80 persoas, trasladouse a Caldas de Reis. Dese xeito, varias rúas e locais da cidade do Lérez, o concello, os xulgados,..., acolleron os actores e equipo técnico, para plasmar de xeito verídico unha historia de forte contido social sobre a inmigración.
O proxecto conta co apoio da Deputación de Pontevedra e o Concello, así como de varias empresas, xunto co da asociación senegalesa Diocco, da capital pontevedresa, onde se rodaron escenas nas que participaron os seus propios integrantes.
Este é a terceira curtametraxe de Nani Matos, despois de "Dies Dei" (2009) e "Flores para Amalia" (2013) ambos tamén escritos polo propio realizador. Polo último deles alcanzou repercusión fóra das nosas fronteiras e foi premiado no Festival de Cans, Festival Internacional de Cine Social de Castilla-La Mancha, Festival de Curtos Por Amor Á Arte da Coruña e Mención Especial do Xurado Taranto in Short en Italia.
Polo que respecta a Diaryatou Daff, este é tamén a súa terceira curtametraxe. Tras o éxito de "Biutiful" chegou "Stop" (2012) e "Jazmín" (2013).
O tratarse dunha produción independente, fixo que os recursos crematísticos para a rodaxe fosen limitados, pero o amor pola profesión fixo posíbel unha vez máis, que artistas e traballadores do medio colaboren con proxectos así.

Ningún comentario:
Publicar un comentario