A CIG-Ensino preside o comité de empresa do Centro San Xerome
CIG-Ensino / A Guarda
O pasado luns día 11 de xaneiro constituíuse o Comité de empresa do Centro San Xerome. O comité está integrado por cinco delegados dos que, de acordo co resultado electoral, tres corresponden á CIG-Ensino e dous á CUT. Nesta primeira reunión o Comité acordou por unanimidade que a presidencia lle corresponda á CIG-Ensino, como central que obtivo máis representación, e a Secretaría á CUT.
Despois de seis meses desde a data do primeiro preaviso, o pasado 24 de novembro celebráronse as eleccións no Centro San Xerome, resultando electos tres delegados da CIG-Ensino e dous da CUT. O resultado das eleccións non foi definitivo na mesma data, por mor do reclamación presentada pola CUT contra a distribución das traballadoras e traballadores nos colexios electorais que prevé a lexislación: persoal técnico e administrativo por un lado e especialista e non cualificado polo outro. Finalmente, un laudo arbitral estableceu que as actuacións das mesas electorais foran correctas e, por tanto, todo o proceso electoral que rematara o día 24 de novembro co resultado antedito. Unha vez comunicado o laudo e coa confirmación de que non había ningunha outra reclamación, os delegados acordaron reunirse en xaneiro para constituír o comité de empresa.
Este comité agrupa á totalidade dos traballadores do Centro San Xerome: o persoal adscrito ao centro educativo e ao centro ocupacional e o persoal do Centro Especial de Emprego, por seren as dúas empresas que formalmente están constituídas unha agrupación de empresas a todos os efectos. Este feito quedou patente desde 2013 a través das diferentes sentenzas que se produciron nos diferentes conflitos xudicializados. Neste contexto e tendo en conta que a existencia dun comité é a fórmula máis garantista para todos os traballadores e traballadoras, a CIG-Ensino promoveu eleccións a Comité en maio, cuestión que debeu ser xudicializada e que foi resolta mediante laudo arbitral primeiro e sentenza do social despois, ambas as dúas favorábeis á CIG-Ensino.
A CIG-Ensino agradece a confianza das traballadoras e traballadores que apoiaron a súa candidatura e agarda que, nesta nova etapa, haxa un clima de traballo e negociación favorábel á mellora das condicións laborais do conxunto dos traballadores da empresa, tal e como se está facendo desde o propio comité que comeza adoptar as primeiras decisións por consenso.
A Guarda, 15 de xaneiro de 2016
(R.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario