CULTURA
“De Luis Bello a Alonso Ríos, viaxe polas escolas de Galicia”, será o tema que abordará o profesor Xosé Manuel Malheiro na vindeira Barferencia de Inverno
A cita é este venres, 15 de xaneiro, no bar Tecla´s.
Infogauda / A Guarda
Tal e como estaba provisto, neste ano 2016 continúan as Barferencias de Inverno
organizadas polo Concello da Guarda en colaboración coa Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM).
A próxima cita é este venres, día 15 de xaneiro, ás 20,30
horas no bar Tecla´s. A ponencia, que leva por nome “De Luis Bello a Alonso
Ríos, viaxe polas escolas de Galicia” estará presentada por Xosé Manuel
Malheiro Gutiérrez, Mestre e Doutor en Filosofía e Ciencias da Educación (Pedagoxía), pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e desde 2008, profesor na Facultade da Educación da Universidade da Coruña (UDC), onde dirixe o Departamento de Pedagoxía e Didáctica, e integra o Grupo de investigación ‘Esculca’ (Escola e Cultura).
Malheiro Gutiérrez é autor, entre outras, das seguintes obras:
- A Escola da Bandeira. Unha nova escola en Galicia (1909-1936), 2000.
- Fomento de la Instrucción Gallega, 2002 (coord.).
- A Herdanza da emigración ultramarina, 2004.
- Os lalinenses en América. Proxectos educativos e organización escolar. 2005.
- As escolas de emigrantes e o Pensamento Pedagóxico: Ignacio Ares de Parga e Antón Alonso Ríos, 2006.
- Nicolás Gutiérrez Campo. O recordo dun bo mestre, dun home bo, 2007.
A charla, tal e como confirma o propio Xosé Manuel
Malheiro, “vai a xirar en torno á emigración galega e á pegada que esa
emigración deixou en Galicia no que respecta ás influencias educativas
importadas desde América” .
O Concello de A Guarda convida a todos os veciños da localidade a participar nesta actividade.
Próximas datas
Tras esta cita xa só quedan dúas máis Barferencias de
Inverno programadas. A primeira delas será o próximo venres, 29 de xaneiro, no
Bar Bergantín. Nesta ocasión Roberto Rodríguez Álvarez falará da “Talasonimia
da costa da Guarda”.
A última charla é o venres 26 de febreiro no Bar
Aquilino. “15 pesetas por frete” da man de Fani Alonso Tamayo, que pechará as
Barferencias de Inverno.
Ambas ponencias serán ás 20,30 horas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario