22 de dec. de 2015

TUI

NOTA INFORMATIVA DO BNG-AA DE TUI SOBRE OS RESULTADOS DO 20D 


 BNG-AA / Tui

 O BNG-AA de Tui, como colectivo integrante na Candidatura Galega NÓS, quere agradecer aos/ás 529 votantes tudenses a confianza que puxeron na nosa candidatura e na importancia de que a nosa terra tivese voz en Madrid.  

 Os resultados eleitorais obtidos por NÓS Candidatura Galega, en Tui son malos, moi malos. Sin paliativos. Pensamos que tamén para o noso País, para Galiza, que non vai ter finalmente no congreso unha voz nacionalista galega. 

 Os nosos e as nosas votantes saben que fixemos unha campaña de esforzo colectivo: ensobramos papeletas, colocamos cartaces, fixemos de carteiros, pasamos megafonía e fixemos mitins, pero non foi dabondo para torcer o pulso daqueles que están empeñados en preservar o modelo de Estado, nin dos medios de comunicación, nomeadamente a televisión, que foron o altofalante do novo bipartidismo a catro bandas.  

 Esta desigual campaña foi realizada grazas ao inmenso traballo desenvolvido por militantes e non militantes. Unha enorme família de xente comprometida coa sua Terra e o seu Pobo. O seu compromiso, a súa coraxe para enfrontar o difícil contexto no que nos tocou realizar esta campaña son para o BNG de Tui o mellor valor. 

 A pesar dos malos resultados obtidos, queremos que saibades, os nosos 529 votantes, que cada un dos vosos votos son recibidos por nós como ouro en pano, que son o pagamento a tanto esforzo dedicación e amor que puxemos nesta campaña, que os agradecemos de todo corazón e que coa forza que nos dades continuaremos loitando para conseguir un País mellor. Nunca renunciaremos a conseguilo. O nacionalisimo foi a forza que defendeu a Galiza no Congreso de Deputados nos últimos vinte anos. Agora o pobo galego, soberanamente, decidiu que sexan outros grupos políticos os que o fagan. Felicitamos a todas esas forzas que obtiveron representación. Desexamoslle éxito no seu traballo. Nós, pola nosa parte non nos deteremos nin un minuto. Os nacionalistas e as nacionalistas galegas estamos e estaremos sempre para loitar pola nosa Terra, pola sua língua e cultura, polas suas clases populares, polos seus colectivos, polos seus sectores produtivos, pola sua dignidade como pobo. E para ese traballo, infelizmente, non hai respiro.

Moitas grazas.

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario