22 de dec. de 2015

MÚSICA

'A luz entre a desorde', nas principais plataformas de distribución dixital musical 

Xosé Constenla presentou o primeiro single de 'Virada por Avante', o seu cuarto disco que se presentará no primeiro trimestre de 2016 

Xosé Constenla na presentación do single


Laura Grandal / Santiago de Compostela

 As principais plataformas de distribución dixital (itunes, Spotify, Youtube, amazon, Movistar…) contan xa co tema 'A luz entre a desorde', o primeiro single de Virada por Avante, título do próximo disco do músico compostelán Xosé Constenla. 

 Trátase dunha das composicións máis intimistas das que integran o álbum, aínda que neste caso mestúrase a parte máis sentimental cun enfoque tamén de loita social. En palabras de Constenla, é “o tema que mellor recolle o meu estado de ánimo cando compuxen os temas do disco; sair da penumbra dun tugurio agochado e descubrir que a vida continua e que está aí para enchela de contido”. 

 Xosé Constenla tocou o single en Bombarda Zapatería (Praza de San Agostiño, 3), en Santiago de Compostela, nun acto íntimo e breve no que interpretou catro temas: un inédito ('Entre as túas saias'), outro do seu traballo anterior, Sinecismo ('Habitamos cápsulas asépticas'), e dous do novo disco: 'A luz entre a desorde' e 'Arroz con ovos e salsa de tomate'. 

 A presentación foi seguida por streaming e o vídeo pode visualizarse ao longo dun mes. Ademais de Constenla, participou no acto o cantautor Roberto Sobrado, que interpretou un tema. 

 Virada por Avante é o cuarto disco de Xosé Constenla e foi producido por Fredi Marugán (www.fredimarugan.com) e masterizado nos Staterooms Studios por Oscar Herrador (http://www.oscarherrador.eu/). 

 Ambos teñen traballado ao longo da súa traxectoria con artistas do panorama estatal e internacional (Ismael Serrano, Miguel Ríos, Joan Manuel Serrat, Enrique Iglesias, Compay Segundo, Antonio Vega ou Pedro Guerra, entre outros). 

 De ‘Virada por Avante’, que se lanzará no primeiro trimestre do ano 2016, Fredi Marugán destaca o son a ‘folk rock’ americano que desprenden os 11 temas que o integran. 

ENLACES 

Ningún comentario:

Publicar un comentario