A Deputación de Pontevedra organiza en Tomiño unha xornada de convivencia para 23 usuarios de teleasistencia domiciliaria
A Deputación de Pontevedra subvenciona o servizo de teleasistencia domiciliaria en 47 concellos da provincia, dando servizo a 406 mulleres e homes
Unha usuaria do servizo de teleasistencia
Foto: D.P.
Infogauda / Pontevedra
Usuarios de teleasistencia domiciliaria dos concellos de Baiona, Gondomar, O Rosal, Tomiño e Tui gozarán dunha xornada de convivencia e lecer o xoves día 3 de decembro, na Casa da Cultura de Tomiño. Durante a xornada haberá actividades lúdicas diversas co obxectivo de fomentar o contacto entre as 23 persoas usuarias do servizo de teleasistencia domiciliaria destes concellos para que poidan intercambiar experiencias e romper a rutina diaria.
A Deputación de Pontevedra presta o servizo de teleasistencia domiciliaria desde o ano 1998 a través dun convenio de colaboración cos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, co obxectivo de mellorar a calidade de vida de persoas que precisan dunha atención continuada, persoas maiores, enfermas e enfermos ou con minusvalía que vivan soas, ou persoas que, vivindo acompañadas, teñan as súas facultades moi minguadas para valerse na vida cotiá.
Así, 47 concellos da provincia de Pontevedra (Barro, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, A Cañiza, Catoira, Cerdedo, Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Forcarei, Fornelos de Montes, Agolada, Gondomar, O Grove, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Portas, Ponte Caldelas, Pontecesures, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa, Vila de Cruces, Vilanova de Arousa) son os que, na actualidade, manteñen un convenio de colaboración, polo que, xunto coa Deputación de Pontevedra, cofinancian a teleasistencia domiciliaria atendendo a un total de 406 usuarias e usuarios.
O servizo de teleasistencia domiciliaria permite que as persoas beneficiarias, con só pulsar un botón e mediante a liña fixa de telefonía, teñan resposta inmediata en situacións de emerxencia no fogar, as 24 horas do día e os 365 días do ano, permitíndolles vivir no seu domicilio con tranquilidade e seguridade.

Ningún comentario:
Publicar un comentario