A Deputación de Pontevedra promove un proxecto europeo para impulsar o Camiño Portugués
Representantes da institución provincial e do Concello de Caldas de Reis, o que conta cun maior número de quilómetros de Camiño Portugués na provincia de Pontevedra, participan nunha reunión en Ponte de Lima para impulsar este percorrido
Tramo do Camiño Portugués pola Costa ou Monacal, o seu paso polo municipio de A Guarda (Pontevedra)
Foto: Infogauda
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra e o Concello de Caldas de Reis participaron na tarde deste martes día 1 de decembro, en Ponte de Lima, nunha primeira reunión para a posta en marcha dun proxecto europeo (no marco da primeira convocatoria INTERREG V-POCTEP Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal) para impulsar o Camiño Portugués a Santiago de Compostela.
Este primeiro encontro, no que participan a Deputación de Pontevedra (como socio líder), o Concello de Caldas de Reis e o resto de socios do proxecto (cámaras municipais de Ponte de Lima, Barcelos, Paredes de Coura e Valença do Minho), servirá para preparar a documentación esixida e realizar o informe previo para poder poñer en marcha este proxecto de promoción do Camiño Portugués.
Esta actuación de cooperación entre a provincia de Pontevedra e o norte de Portugal serve para potenciar os lazos sociais e culturais entre ambas as rexións. Ademais, póñense de manifesto dous aspectos relevantes con respecto ao Camiño Portugués a Compostela: o incremento progresivo de peregrinos por esta variante (más de 40.000 persoas ao ano) e o feito de que O Porto e Tui ocupan os cinco primeiros postos entre os lugares de comezo das diferentes rutas que elixen os peregrinos.
A cooperación e o reforzo institucional do Camiño Portugués no tramo O Porto-Pontecesures permiten abrir oportunidades de desenvolvemento e internacionalización do sector turístico vinculadas á ruta. Por iso, a Deputación de Pontevedra, xunto aos concellos da provincia polos que transcorre o Camiño Portugués, ten por obxectivo, a través deste proxecto de cooperación transfronteiriza, promover e desenvolver o percorrido mediante a creación de novos produtos turísticos relacionados co Camiño, ampliar e mellorar a oferta turística, protexer os recursos turísticos culturais e naturais ligados ao percorrido, mellorar o percorrido, desenvolver turística e socioeconomicamente os municipios polos que transcorre, incrementar o número de visitantes en ocupacións hoteleiras, elaborar accións de promoción conxuntas e favorecer a cooperación transfronteiriza.

Ningún comentario:
Publicar un comentario