A conselleira do Mar participou no acto de presentación do libro “Terranova en el recuerdo”
Rosa Quintana enxalza a obra de Juan Louro Lojo que plasma as súas memorias como pescador de bacallau en Terranova
Na publicación reflíctese a dureza da vida dos homes que traballaban en Terranova, o traballo invisible das mulleres en terra, a nostalxia da familia que espera a volta daquelas mareas e a alegría do regreso ás casas
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou esta tarde no acto de presentación do libro de Juan Louro Lojo “Terranova en el recuerdo. Memorias de un pescador de bacalao”, realizado no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo
Infogauda / Vigo
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou na tarde deste mércores día 4 de novembro, no acto de presentación do libro de Juan Louro Lojo “Terranova en el recuerdo. Memorias de un pescador de bacalao”, realizado no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo.
A obra narra as memorias do autor como pescador de bacallau e as vivencias e inquedanzas daqueles valentes pescadores que saíron ao mar na procura desta especie en Terranova durante 20 campañas. Ademais, a publicación fai fincapé na axuda dos faros para a navegación e con ela apréndese que navegar non é só trasladar un barco, “en realidade é arte e é ciencia”, dixo Rosa Quintana.
A conselleira eloxiou o libro de Juan Lojo porque nel reflíctese a dureza da vida dos homes que traballaban en Terranova, o traballo invisible das mulleres en terra, a nostalxia da familia que espera a volta daquelas e a alegría do regreso ás casas.
A responsable de pesca destacou a gran vinculación de Juan Louro coa pesca en Galicia. Así, lembrou que o escritor é profesor no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo, é capitán da Mariña Mercante e antigo pescador, como reflicten as páxinas da propia publicación.
A publicación, formada por máis de 300 páxinas, está composta por 16 capítulos e un prólogo e tamén conta cun dicionario de termos vinculados á pesca e á vida no mar, para que o lector consulte certas dúbidas que se lle poidan presentar á hora de realizar a lectura.

Ningún comentario:
Publicar un comentario