9 de nov. de 2015

TUI

Conde salienta o labor de Nor Rubber como modelo de economía social capaz de xerar emprego e riqueza na comarca 

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria visita as instalacións dunha empresa de referencia na transformación do caucho que ten sido quen de reinventarse e abrir novos mercados 

Resalta o papel da compañía como Sociedade Anónima Laboral, “exemplo de como a unión dos traballadores pode consolidar un proxecto baseado no produto, e baseado tamén na diversificación en varios sectores como o naval, o da construción civil ou a minería” 

Destaca a aposta pola innovación e a internacionalización dunha empresa que emprega a un centenar de persoas

“A aposta pola innovación na procura de novos estándares e novos produtos é a que lles permite manter este elemento diferenciador”, apuntou Conde

 Infogauda / Tui

 O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe as instalacións de Nor Rubber, onde salientou o labor desta compañía tudense como modelo de economía social capaz de xerar emprego e riqueza na comarca. Conde, que estivo acompañado polo delegado territorial de Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou o esforzo e a implicación dos traballadores no desenvolvemento deste proxecto empresarial que emprega a un centenar de persoas.  

 Nor Rubber é unha Sociedade Anónima Laboral que se configura como unha empresa de referencia na transformación do caucho e que ten sido quen de reinventarse e abrir novos mercados, explicou o conselleiro. “Esta empresa suma 40 anos de historia, 15 desde que se constituíu como Sociedade Anónima Laboral, sendo un exemplo de como a unión dos traballadores pode consolidar un proxecto baseado no produto, e baseado tamén na diversificación en varios sectores como o naval, o da construción civil ou a minería”, incidiu Conde.  

 Neste contexto, o titular de Economía, Emprego e Industria resaltou a importancia da internacionalización e a innovación no futuro da compañía, no que está a traballar a través do seu plan de viabilidade 2015-2020. “Os mercados internacionais van ser fundamentais. Nor Rubber conta cunha delegación en México, e incrementar o peso da exportacións na súa facturación é un camiño de futuro”, subliñou Conde.  

 Unha aposta pola internacionalización que, segundo explicou o conselleiro, está a ser acompañada polo compromiso innovador da empresa, que ten sabido transformarse na procura de atender a demanda de produtos de caucho de grandes dimensións.  

 Desta forma, Nor Rubber é hoxe a única empresa española fabricante de bandas transformadoras reforzadas con cable de aceiro, e chega a outros nichos de mercado como o de apoios antisísmicos, participando na licitación de varios proxectos en todo o mundo. “A aposta pola innovación na procura de novos estándares e novos produtos é a que lles permite manter este elemento diferenciador”, apuntou Conde, quen destacou o espírito emprendedor dos traballadores da empresa na consecución destes obxectivos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario