14 de nov. de 2015

TUI

O PP do Baixo Miño-Louriña reclama á Deputación información e melloras nos viais provinciais

A voceira Nidia Arévalo reuniuse onte en Tui cos representantes do partido na propia localidade tudense, Mondariz, Salceda, A Guarda, O Rosal e Oia

Nidia Arévalo - terceira pola dereita - xunto cos diferentes portavoces do Partido Popular nas comarcas do Baixo Miño e A Louriña


Infogauda / Tui

 A voceira do grupo provincial do Partido Popular e alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, reuniuse onte en Tui cos voceiros e alcaldes do PP da comarca do Baixo Miño-Louriña, entre os que se atopaban o voceiro e exalcalde popular de Mondariz –agora deputado provincial da comarca do Condado-Paradanta-, Julio Alén Montes; o exalcalde de Tui, Antonio Feliciano Fernández Rocha; o voceiro do PP de Salceda de Caselas, Santiago Rodríguez Davila; a voceira de A Guarda, Conchi Ortega Martínez; o alcalde de O Rosal, Jesús Mª Fernández Portela; a dende onte pola mañá alcaldesa popular de Oia, Cristina Correa, e o voceiro do PP de Mos, Camilo Augusto Martínez.

 Este tipo de xuntanzas lévaas xa mantendo Arévalo en varias ocasións previas dende que comezou o goberno provincial bipartito PSOE-BNG. Trátase dun formato xa levado a cabo, entre outras, nas comarcas do Salnés, Deza, Morrazo, etc., e que segundo fontes populares "persegue o obxectivo de abordar a situación actual da Deputación de Pontevedra e ofrecer ós alcaldes e voceiros populares a intermediación dos deputados provinciais perante o actual goberno da Deputación".

 Os populares concidiron en salientar, ó igual que se ven repetindo nas comarcas nas que previamente se celebrou esta mesma reunión, que a falta de información á que o Goberno de Carmela Silva ten sometidos aos concellos está a xerar unha gran preocupación nas administracións locais, ás que ademais mantén coas mans atadas, posto que o novo goberno da Deputación provincial xa cambiou varias veces as fórmulas de reparto no que leva de mandato. A este respecto Arévalo informou de que “a última novidade sobre este tema é unha carta da presidenta Silva recibida recentemente nos concellos da provincia na que anuncia esta vez que os fondos repartiranse o 40% de forma lineal e o 60% restante segundo a poboación de cada localidade, porcentaxes estes que non se sabe sobre que contía total se van establecer, polo que dicirnos iso é como non dicirnos nada”, lamentou a voceira popular trasladando "o sentir común de tódolos alcaldes e voceiros populares da comarca do Baixo Miño-Louriña".

 A todo elo, segundo Nidia Arévalo "súmase á enorme incertidume xerada polo feito de que a estas alturas do ano, o bipartito aínda non elaborase un borrador do orzamento e que os Concellos non saiban con que contía da Deputación van contar para o ano que vén", así como "a falla de información para coas asociacións culturais, sociais e veciñais e os clubes deportivos", que acoden ós representantes do PP para preguntarlles como se van a financiar a partir de agora.

 Ademais do xa exposto, da reunión de onte extraéronse tamén reivindicacións concretas de cada un dos Concellos da comarca do Baixo Miño-Louriña á Deputación de Pontevedra.

 En primeiro lugar dende o Concello do Rosal o seu alcalde, Jesús Fernández, esixe saber que cantidade se destinará a partir de agora ós Concellos en materia de Servizos Sociais que entre Servizos Sociais Comunitarios, Emerxencias Sociais e Teleasistencia sumaban no goberno de Louzán preto de 500.000 euros repartidos entre os municipios de A Guarda, Mondariz, Mondariz Balneario, Mos, Oia, O Porriño, O Rosal, Salceda de Caselas, Tomiño e Tui. “En O Rosal recibíamos 42.500 euros para Servizos Sociais, unha contía moi importante para un Concello coma o noso, e estamos preocupados por se desparece, xa que Silva declarou que a Deputación non destinaría a partir de agora fondos para ningún asunto que non sexa competencia directa da administración provincial, tal sería o caso dos asuntos sociais”, explicaron.

 Dende o Concello de Tui o exalcalde, Antonio Fernández Rocha, denuncia que "a administración local ten que asumir a limpeza viaria das tres estradas provinciais que transcorren polo municipio, e reclama que sexa a Deputación quen asuma esta competencia que, por outra parte, lle corresponde".

 O voceiro popular de Salceda de Caselas, Santiago Rodríguez, pide "a execución dun proxecto de mellora da Estrada Provincial San Xurxo-Picoña que incluiría obras de humanización e acometida de beirarrúas e sobre o que xa está traballando na redacción dunha moción para presentar ó vindeiro Pleno da Deputación de Pontevedra".

 En A Guarda, Conchi Ortega, manifesta a súa "preocupación sobre que vai pasar coas excavacións no Monte Santa Trega, iniciadas co anterior goberno provincial e agora paralizadas, e que corresponden ó convenio de colaboración asinado o ano pasado entre a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento para a posta en valor dos principais xacementos arqueolóxicos da provincia".

 Finalmente, os representantes do PP nos diferentes municipios da comarca acordaron, ó remate da xuntanza de onte, manter reunións periódicas coma esta, rotando o lugar de celebración entre os diferentes concellos integrantes. A vindeira celebrarase en xaneiro de 2016 en Oia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario