14 de nov. de 2015

SAÚDE

O conselleiro de Sanidade fixo un chamamento para que as persoas de idade avanzada acudan a vacinarse contra a gripe 

O titular da carteira sanitaria do executivo galego, Jesús Vázquez Almuiña, pechou unha xornada sobre vacinas 

A campaña de vacinación contra esta enfermidade remata o 19 de decembro

Infogauda / A Coruña

“Vacinas, a súa importancia onte e hoxe. Lembrando á Expedición Balmis” é o título dunha xornada sobre vacinas que onte tivo lugar no Auditorio da Fundación Barrié, organizada pola Consellería de Sanidade.  

 A xornada foi pechada polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, quen sinalou que “as vacinas hoxe en día teñen un lugar destacado nos sistemas sanitarios e son unha das accións de maior impacto na mellora da saúde”. O titular da carteira sanitaria recordou que nesta época do ano estamos en plena campaña de vacinación fronte á gripe. Ao respecto dixo que “queremos aumentar a vacinación nas persoas de idade avanzada, naquelas con outras patoloxías nas que padecer unha gripe poda descompensalos causándolles graves complicacións, e incluso a morte”. Por iso, aprovechou a ocasión para “animar a que eses cidadáns se vacinen nesta campaña que finaliza o 19 de decembro”.  

 Segundo o conselleiro, os avances científicos que no mundo das vacinas se producen nos últimos anos a gran velocidade “nos permiten e nos obrigan a estar mellorando e reevaluando de maneira continúa as nosas políticas vacinais para dar respostas aos novos retos que xurden neste campo”.  

 Creo, -remarcou-, que temos un magnífico programa de vacinacións en Galicia”. Ao respecto, dou ás grazas aos profesionais que o fan posible. Así mesmo, comprometeuse a seguir apoiándoo o programa e a seguir traballando para melloralo “en todo o que a ciencia nos diga que pode ser beneficioso para a poboación”.  

 Tamén agradeceu a toda a poboación, á cidadanía, o seu apoio ás vacinas. “O amosan as magníficas coberturas que temos dende hai moitos anos no calendario de vacinación infantil”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario