O Palacete das Mendoza acolle unha mostra de fotografía de aves salvaxes
Infogauda / Pontevedra
O Palacete das Mendoza acolle, ata o 20 de novembro, a mostra "Fun polo vento", unha exposición de 60 imaxes de avifauna en gran formato que plasma case unha década de estudo e observación da natureza, dos fotógrafos galegos Carlos Cifuentes e Zalo Saavedra.
"Fun polo vento" reúne unha selección de espectaculares imaxes de paxaros, desde aves rapaces emblemáticas coma a aguia imperial e os lagarteiros coas súas presas ata o veloz martiño peixeiro, as limícolas ou o simpático paporroibo. As especies foron fotografadas no seu estado natural, polo que foi preciso botar man de variadas técnicas de camuflaxe e de ocultación para poder aproximarse ás aves e captar situacións da súa vida cotiá.
Carlos Cifuentes e Zalo Saavedra son fotógrafos de natureza afeccionados e levan unha década viaxando por espazos naturais de toda a península. A maioría das fotografías da mostra "Fun polo vento" foron tomadas nas Rías Baixas, pero tamén se inclúen imaxes captadas en Estremadura, Castela e León, os Pirineos e a serra madrileña.
A mostra está aberta ao público na sala de exposicións do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, en horario de luns a venres, de 9:00 a 20:00 h; sábados e festivos, de 10:00 a 14:00 h e de 16:00 a 19:00 h; e os domingos, de 10:00 a 14:00 h. A entrada é gratuíta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario