11 de nov. de 2015

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra subvenciona o servizo de teleasistencia domiciliaria en 47 concellos da provincia 

Na actualidade 406 mulleres e homes que precisan de atención continuada na provincia contan co servizo preventivo de axuda da Deputación de Pontevedra 

                          Foto: D.P.

 Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra presta, desde 1998, o servizo de teleasistencia domiciliaria, a través dun convenio de colaboración cos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, co obxectivo de mellorar a calidade de vida de persoas que precisan dunha atención continuada, persoas maiores, enfermas ou con minusvalía que vivan soas ou que, vivindo acompañadas, teñan as súas facultades moi minguadas para valerse na vida cotiá.  

 Así, 47 concellos da provincia de Pontevedra (Barro, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, A Cañiza, Catoira, Cerdedo, Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Forcarei, Fornelos de Montes, Agolada, Gondomar, O Grove, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Portas, Ponte Caldelas, Pontecesures, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa, Vila de Cruces e Vilanova de Arousa) son os que na actualidade manteñen un convenio de colaboración polo que, xunto coa Deputación de Pontevedra, cofinancian a teleasistencia domiciliaria e atenden un total de 406 usuarias e usuarios.  

 Este servizo permite que as usuarias e os usuarios, con só pulsar un botón e mediante a liña fixa de telefonía, obteñan resposta inmediata en situacións de emerxencia no fogar as 24 horas do día e os 365 días do ano, permitíndolles vivir no seu domicilio con tranquilidade e seguridade.  

 Este xoves día 12 de novembro os usuarios de teleasistencia dos concellos de Sanxenxo, O Grove, Cambados, Meis, Portas, Ribadumia, Vilanova de Arousa e Barro gozarán dunha xornada de convivencia e lecer, con actividades lúdicas diversas na sala Nauta do Concello de Sanxenxo, co obxectivo de que poidan contactar con outras persoas, intercambiar experiencias e romper coa rutina diaria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario