10 de nov. de 2015

PONTEVEDRA

O Plan Concellos 2016 terá catro liñas de actuación 

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, comunícalles a todos os alcaldes e alcaldesas os criterios para a repartición dos fondos económicos 

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra  


Infogauda / Pontevedra

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, remitiulle hoxe un escrito á totalidade dos alcaldes e alcaldesas da provincia dos criterios para a repartición das partidas económicas do Plan Concellos 2016, tal e como se comprometera na súa primeira xuntanza cos máximos rexedores.  

 O Plan Concellos terá catro liñas de actuación que darán prioridade aos investimentos, á amortización e ao pagamento de débeda, ás actividades culturais, deportivas, sociais, turísticas e ambientais municipais e ao emprego.  

 O montante global dos recursos adscritos a este fondo repartirase en tres grupos de concellos segundo a súa poboación. Así, aqueles de ata 10.000 habitantes recibirán o 43,30 %; os concellos de entre 10.000 e 20.000 habitantes terán o 34 %; e os comprendidos entre os 20.000 e os 50.000 habitantes recibirán o 22,70 % do fondo.  

 Destas cantidades o 40 % será un fixo para cada un dos concellos e o 60 % restante será en función da súa poboación. Así, nos concellos de ata 10.000 habitantes será do 30 %; nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes do 40%; e naqueles de 20.000 a 50.000 habitantes será do 30 %. 

 Ademais para esta porcentaxe variable e para cada un dos tres grupos de poboación  aplicaranse tres criterios baseados non só na poboación e na superficie, como ata o de agora,  senón que se incluirá a variable dos núcleos de poboación. En concreto, será do 60 % por poboación, o 20 % por núcleos e o 20 % restante por superficie.  

 Con estes novos criterios a repartición vai supoñer un incremento das subvencións que recibirá cada concello, cun importe fixo moi superior aos anteriores e, sobre todo, elimínase a libre disposición do 20 % da totalidade do plan para o presidente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario