10 de nov. de 2015

PESCA

A Xunta aplaude que a Comisión Europea teña en conta os argumentos de Galicia na defensa da arte do xeito 

O Goberno autonómico valora positivamente o anuncio do comisario de Medio Ambiente, Asuntos Marítimos e Pesca, Karmenu Vella, en relación á elaboración dunha nova proposta sobre as redes de enmalle á deriva

Infogauda / Galicia

 A Xunta aplaude que a Comisión Europea teña en conta os argumentos de Galicia na defensa da arte do xeito. O goberno autonómico valora positivamente o anuncio do comisario de Medio Ambiente, Asuntos Marítimos e Pesca, Karmenu Vella, en relación á elaboración dunha nova proposta sobre as redes de enmalle á deriva e do que deron conta os eurodeputados Francisco Millán Mon e Gabriel Mato.  

 Así, o comisario de Medio Ambiente, Asuntos Marítimos e Pesca aconsella ao Parlamento Europeo que non siga traballando na proposta de prohibición das redes de enmalle á deriva, na que se inclúe ao xeito. O Comisario realiza esta suxestión explicando que as cuestións relativas ás redes de enmalle á deriva está previsto regulalas na proposta de medidas técnicas que a UE presentará a principios do ano 2016 e na que se regulan as artes de pesca.  

 A Xunta entende isto como un avance, xa que con esta nova proposta quedaría sen efecto a proposta de prohibición das redes de enmalle á deriva, na que se inclúe ao xeito. Desta forma dáse resposta ás peticións realizadas pola Xunta e polo eurodeputado Francisco Millán Mon.  

 O goberno autonómico sempre defendeu que se excepcione o xeito desta prohibición, porque é unha arte moi selectiva que non realiza capturas accidentais nin de mamíferos nin de aves e ten unhas capturas que son proporcionalmente moi baixas con respecto ao recurso. De feito, dende que tivo coñecemento, traballou na defensa da exclusión do xeito na proposta de prohibición de redes de enmalle á deriva e remitiu, a través do Goberno Central a Bruxelas, información pormenorizada baseada na escasa incidencia que ten esta arte no recurso.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario