24 de nov. de 2015

OIA

Cores Tourís visita Oia para manter un primeiro encontro institucional coa nova alcaldesa, Cristina Correa 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra púxose a disposición da rexedora con quen departiu sobre temas como a necesidade de axustar varias obras relativas ao novo centro de saúde ou a petición da limpeza das canles dos ríos antes da chegada dos temporais de inverno

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Oia para manter un encontro institucional coa nova alcaldesa da localidade, Cristina Correa

Infogauda / Oia


 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou na mañá deste martes día 24 de novembro, o concello de Oia para manter un encontro institucional coa nova alcaldesa da localidade, Cristina Correa, con quen analizou varias necesidades do municipio. 

 Cores Tourís recordou que sempre visita aos novos rexedores dos concellos da demarcación territorial de Pontevedra para manter unha reunión con eles de cara a coñecer cales son as súas demandas e proxectos para os próximos meses. “Así o fixen tralos últimos comicios municipais do pasado mes de marzo, e agora volvo a Oia para felicitar a nova alcaldesa e escoitar as súas preocupacións e demandas”.  

 José Manuel Cores Tourís púxose a disposición de Cristina Correa co obxectivo de seguir a executar os proxectos xa iniciados coa administración autonómica, así como con todo o que dependa da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra.  

 Entre os temas que se analizaron esta mañá atopouse a execución do novo centro de saúde que se está a construír na localidade e que supón un investimento de máis dun millón de euros e onde, nestes intres, quedan algúns flecos pendentes que se están a solucionar, como é a canalización de augas pluviais de cara a súa conexión coa rede municipal ou a execución do muro que separa este centro de saúde do colexio da localidade.  

 Pola súa banda, a alcaldesa demandou a administración autonómica a posta en marcha de traballos de limpeza e revisión das canles dos ríos do concello, “de cara a previr enchentes coa chegada dos futuros temporais invernais”. 

 Cristina Correa fixo tamén fincapé na necesidade de contar coa administración autonómica para seguir a mellorar e ampliar o saneamento do municipio, así como para a mellora dos centros educativos. Neste senso, o delegado territorial destacou que sería moi importante seguir a contar coa colaboración por parte da Deputación de Pontevedra para a mellora dos centros educativos. “Esperamos seguir contando coa súa colaboración e que a nova corporación se implique tanto como a do anterior presidente, Rafael Louzán. Desexamos que a nova presidenta, Carmela Silva, siga a colaborar coa Xunta de Galicia e cos concellos na mellora dos centros educativos”, engadiu.  

 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra non quixo rematar o encontro sen recordarlle a nova alcaldesa a implicación da administración autonómica no concello de Oia, lembrando as obras de emerxencia realizadas nos ríos Sobral, Broi, Tamuxe e río Seco; o soterramento das liñas eléctricas nas rúas Laures e Vicente López; a reforma da antiga Casa Consistorial como nova oficina de Turismo; a execución do itinerario ciclista entre Baiona e A Guarda e dun depósito municipal de abastecemento en Santa María de Oia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario