29 de out. de 2015

PESCA

A conselleira do Mar e o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica asistiron á posta en funcionamento do Entreposto de Frío de Mindelo, en Cabo Verde 

A Consellería do Mar aplaude que o Entreposto de Frío de Mindelo vaia ser xestionado por unha sociedade da que forma parte unha empresa galega 


Esta infraestrutura vai servir como plataforma loxística estratéxica de distribución de produtos pesqueiros para todas as frotas que faenan no Océano Atlántico, en especial para o sector galego do palangre de superficie, de grande importancia na zona 

En Cabo Verde celébrase desde hoxe e ata o vindeiro sábado a Feira Expomar, na que a Xunta está presente cun posto que alberga a 8 empresas e entidades sectoriais galegas vinculadas ao mar 

Rosa Quintana e Juan Maneiro están a manter contactos con varias institucións, entes públicos e empresas caboverdianas en aras de intercambiar e afianzar lazos pesqueiros e comerciais co país africano

Rosa Quintana e Juan Maneiro asistiron hoxe á posta en funcionamento desta infraestrutura de tratamento, conxelación e conservación de produtos da pesca


Infogauda / Cabo Verde

 A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, aplauden que o Entreposto de Frío de Mindelo, na illa caboverdiana de San Vicente, vaia ser xestionado por unha sociedade composta por unha empresa galega e outra vasca.  

 Rosa Quintana e Juan Maneiro asistiron hoxe á posta en funcionamento desta infraestrutura de tratamento, conxelación e conservación de produtos da pesca, que vai servir como plataforma loxística estratéxica de distribución de produtos pesqueiros para todas as frotas que faenan no Océano Atlántico en xeral, e para a galega en particular, sobre todo para o sector do palangre de superficie, de grande importancia na zona.  

 Esta nave de frío foi construída por Enapor, ente público dependente do Ministerio de Infraestruturas e Economía Marítima de Cabo Verde. A infraestrutura está financiada polo ministerio español de Asuntos Exteriores e a súa explotación en réxime de concesión é por un período de 10 anos. A nave incorpora diferentes cámaras de complexo de frío, tanto para peixe (especialmente túnidos) como para froitas, vexetais ou mesmo lácteos. No caso da liña de proceso da frota artesanal, conta con áreas de descabezado e eviscerado, fileteado, túneles de conxelado (con capacidade para 6.700 quilos diarios), envasado e conxelación en salmoura.  
 Feira Expomar Cabo Verde 
 Ao tempo que se puxo en marcha esta nave loxística, estase a celebrar neste país africano a cuarta edición da feira Expomar, que ten lugar desde hoxe ata o vindeiro sábado, 31 de outubro. Conta con expositores nacionais e internacionais co fin de concentrar posibles inversores na pesca e nos recursos mariños dispoñibles no país.  O sector marítimo-pesqueiro de Galicia está presente na feira por terceira vez baixo un posto da Xunta de Galicia, que dá cabida a 8 empresas e entidades sectoriais galegas relacionadas co mundo do mar.  

 Estes eventos están enmarcados na celebración da Semana do Mar, que se desenvolve en Cabo Verde entre o 26 de outubro e o 1 de novembro e que tamén inclúe diferentes xornadas técnicas sobre temas relacionados coas actividades ligadas ao mar. Unha das que se celebrarán mañá versará sobre o futuro da industria do atún no mercado globalizado e nela participará Anfaco-Cecopesca. 

 Durante a súa estadía no país africano, Rosa Quintana e Juan Maneiro están a manter contactos con varias institucións, entes públicos e empresas caboverdianas en aras de intercambiar e afianzar lazos pesqueiros e comerciais co país africano. Nesta liña, a conselleira e o director xeral tamén fixeron fincapé na renovación do acordo pesqueiro con Cabo Verde, respaldado recentemente pola Unión Europea, que permitirá faenar nas augas caboverdianas a buques españois, franceses e portugueses durante os vindeiros catro anos e que traerá beneficios económicos á frota galega de palangre de superficie que faena nesas augas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario