8 de out. de 2015

OIA

Recta final do micromecenado para Costa dos Castros

Na campaña de ‘crowdfunding’ xa participaron máis de 50 colaboradores que aportaron cerca de 4.500 euros para o patrimonio natural e arqueolóxico do Concello de Oia, na costa sur de Galicia.  

As catro Comunidades de Montes de Oia que forman Costa dos Castros cren que se van alcanzar os obxectivos no que queda de campaña, aínda que lles sorprende que non haxa máis aportacións para o petróglifo de Auga dos Cebros, único en Europa.  
 
  Petróglifo de Auga dos Cebros
   Foto: Javier Costas Goberna


Infogauda / Oia  

 Tres meses pasaron dende que o equipo do proxecto Costa dos Castros puxera en marcha unha pioneira campaña de micromecenado (crowdfunding) arqueolóxico. O seu obxectivo fundamental é complementar o financiamento para tres iniciativas impulsadas polas Comunidades de Montes do Concello de Oia: Mougás, Viladesuso, Pedornes e Oia.  

 Deste xeito, o participante do micromecenado pode decidir se colaborar nunha plantación de árbores autóctonas, se axudar a facer posible o proxecto de escavación no castro de Chavella ou botar unha man na preservación dun petróglifo único: o panel do barco de Auga dos Cebros. 

 Dende a organización cren que conseguiranse os obxectivos no que queda de campaña. “O obxectivo principal era poder levar a cabo os tres proxectos e iso poderemos facelo. A cantidade de aportacións futuras determinarán ata onde poderemos chegar en cada un dos proxectos”, sinalan.  


 Calco do petróglifo de Auga dos Cebros

 A campaña suma neste momento 4.500 euros, case a metade da cantidade proposta, e obtidos grazas a 51 colaboradores de dentro e fóra do país. Porén, aos organizadores sorpréndelles que as aportacións para salvaguardar o petróglifo de Auga dos Cebros non fosen máis masivas. “Trátase dun petróglifo único en Europa, agora estamos a darlle proxección internacional e xa saíu en medios arqueolóxicos estranxeiros como o prestixioso Popular Archaeology. Porén a campaña neste aspecto está a ser menos exitosa do esperado, a ver se cambiamos as tornas.”  

 Este petróglifo sitúase no territorio da Comunidade de Montes de Pedornes e é a única representación en todo o Atlántico europeo dunha embarcación mediterránea do II Milenio a.C. Pero a Comunidade de Pedornes atópase practicamente sen recursos tras os lumes forestais de 2006; coa campaña de micromecenado preténdese axudar a facer unha limpeza vexetal da zona que axudaría a preservar o panel e a atopar outros posibles gravados.  


Así son as camisolas que recibirán tódolos participantes na campaña de micromecenado
Fotos: Costa dos Castros

 Cada colaboración para Auga dos Cebros é de 22€ e a cambio, o participante recibirá unha camisola cun deseño exclusivo do petróglifo. Neste enlace hai máis información sobre a campaña de micromecenado de Costa dos Castros e como participar. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario