30 de xul. de 2015

PONTEVEDRA

Carmela Silva pídelle unha xuntanza ao presidente da Xunta para falar das transferencias de servizos 

Carmela Silva, acompañada das deputadas Eva Vilaverde, Digna Rivas e Chelo Besada, realizou hoxe unha vista ao centro Príncipe Felipe

Infogauda / Pontevedra

 A presidenta da Deputación visita as instalacións do centro Príncipe Felipe  A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, solicitou unha entrevista co presidente da Xunta de Galicia co obxectivo de falar das transferencias de servizos de competencia autonómica e para planificar medidas de actuación que redunden en melloras para os pontevedreses e pontevedresas.  

 Carmela Silva, acompañada das deputadas Eva Vilaverde, Digna Rivas e Chelo Besada, realizou hoxe unha vista ao centro Príncipe Felipe para coñecer de primeira man os servizos que presta, "que son fundamentais e que debe contar cos mellores recursos e profesionais". 

 A presidenta considerou que nestas instalacións se prestan "servizos deportivos, educativos e a menores que deben ser atendidos polas administracións públicas, polo tanto é unha das visitas máis importantes que teño feitas nestes días dada a importancia que as forzas políticas deste goberno damos a este tipo de prestacións da Administración pública".  

 Pola súa banda, a deputada provincial responsable da Cidade Infantil Príncipe Felipe, Eva Vilaverde, explicou que xa visitara esta mesma semana parte das instalacións do centro e que o seguirá facendo nos vindeiros días para completar o intercambio de impresións cos traballadores. Vilaverde lembrou que a Cidade Infantil carecía de persoal directivo cando se formou o Goberno provincial e que nestes intres xa conta cun novo director, José Ramón Couto.  

 A nacionalista subliñou que o obxectivo é camiñar cara á profesionalización do centro e a transferencia á Xunta de Galicia pero que mentres tanto se traballará "do mellor xeito posible" para que a súa actividade sexa eficiente. "O centro presta servizos a persoas polo que as súas características son moi concretas e debe funcionar de forma racional", dixo.  

 Precisamente a presidenta da Deputación gabou o traballo feito pola deputada responsable deste centro "en menos dos quince días que levamos como goberno".  

 Así mesmo, Carmela Silva asegurou que no escrito remitido ao presidente da Xunta ademais da definición das transferencias de competencias, para as cales pedirán que se creen as respectivas mesas de traballo técnicas, "queremos falar tamén da situación social e económica da provincia de Pontevedra para definir as súas potencialidades e de cómo podemos colaborar entre institucións para que os homes e mulleres poidan vivir nunha provincia socialmente avanzada e non só de crecemento económico".  

 Por último, a presidenta subliñou que o goberno da Deputación vai ir co máximo espírito de colaboración e entendemento a esta entrevista con Núñez Feijoo, que espera se produza no próximo mes de setembro. "Pero o que está claro é que cada administración debe exercer as súas competencias e non mirar para outra lado esperando que outras institucións as fagan", concluíu Carmela Silva.

Ningún comentario:

Publicar un comentario