O grupo do BNG ficha a catro profesionais externos "de primeira liña" para reforzar as súas áreas de traballo na Deputación
O arquitecto Jesús Fole será o asesor de accesibilidade, o químico Carlos Pérez orientará sobre residuos, a xornalista María Núñez sobre comunicación e o catedrático José Ramón Couto dirixirá a Cidade Infantil Príncipe Felipe
Infogauda / Pontevedra
O grupo provincial do BNG acaba de contratar a catro profesionais externos "de primeira liña" para reforzar as súas áreas de traballo na Deputación. Os asesores tratarán de mellorar o labor que desenvolve a institución de forma interna e asesorarán os concellos que así o necesiten en materias como accesibilidade e residuos (nas que a día de hoxe hai esixencias legais de obrigado cumprimento para os municipios).
As figuras elixidas foron o arquitecto Jesús Aser Fole Osorio, que se encargará do asesoramento en materia de accesibilidade e que xa traballara neste área como funcionario interino no Concello de Pontevedra durante a primeira etapa da peonalización da cidade. En materia de residuos o grupo nacionalista contará con Carlos Pérez Losada, químico cunha longa traxectoria na empresa privada e nas administracións públicas, concretamente de 20 anos en Cataluña e despois no País Vasco e Navarra, así como con varias patentes no campo dos residuos.
A técnico responsable da comunicación do grupo nacionalista será María Núñez, xornalista licenciada na USC, que desenvolveu a súa traxectoria profesional como redactora, coordinadora e redactora xefe os últimos 14 anos no Diario de Pontevedra. Pola súa banda, o catedrático José Ramón Couto Fariña será o responsable da dirección da Cidade Infantil Príncipe Felipe. Conta con varias licenciaturas e máster, así como cunha traxectoria de 23 anos de experiencia en cargos directivos de diferentes institutos da provincia.
O vicepresidente provincial, César Mosquera, que presentou onte publicamente o novo equipo de "primeiros espadas", explicou que o traballo destes expertos servirá para "capitalizar humanamente a Deputación en campos que estaban empobrecidos". O nacionalista indicou que "ogallá noutros ámbitos poidamos atopar persoas así" e apuntou que "o feito de que aceptasen a nosa proposta é un reflexo do que ocorre socialmente: hai unha expectativa, unha ilusión en nós... Parece que lles inspiramos confianza, doutro xeito parte deles non estaría aquí, tería outras saídas e solucións".
Pola súa banda, Jesús Fole, explicou que a súa prioridade na Deputación é o "equilibrio e a cohesión territorial da provincia en canto á accesibilidade en todos os seus planos e esferas, co fin de dinamizar e integrar o territorio, mellorando a posta en valor do patrimonio provincial e a mobilidade de persoas e bens". Tamén pretende acadar unha "cultura de mobilidade sostible e posicionar a provincia como un referente".
O novo asesor de residuos, Carlos Pérez, sinalou na súa intervención que, no seu ámbito, está "todo por facer" na provincia de Pontevedra. Declarado como un técnico 'antiincineradoras' afastado de calquera sistema de tratamento centralizado, subliñou que non vai cargar tintas nesa cuestión e que "tentará sentar as bases do traballo procurando concordia con todo o mundo". En calquera caso, afirmou que coa súa experiencia de 22 anos na práctica do tratamento de residuos sabe das "dificultades que vai atopar".
A xornalista María Núñez, que traballará como asesora de comunicación do grupo , apuntou pola súa banda que a transparencia e a información fluída serán eixes transversais en todas as áreas de responsabilidade nacionalista. Afirmou que hai un longo traballo por diante para sacar aínda máis á luz a actividade de determinados centros provinciais que dependen da Deputación, xa que os cidadáns "teñen dereito a saber qué se fai nas institucións que manexan os seus cartos".
José Ramón Couto, novo director da Cidade Infantil Príncipe Felipe, asegurou que o seu novo negociado se pode definir como "un complexo singular ou unha singularidade complexa", tanto no marco das demais deputacións provinciais galegas coma pola súa estrutura e a diversidade de servizos que acolle. Couto realizou antonte a súa primeira visita ás instalacións, que non tiñan equipo directivo dende hai tempo, e manifestou a súa intención de coñecer de forma profunda todo o traballo que alí se fai "para non deseñar cousas que logo non se sabe se van encaixar, e ter garantías de profesionalidade e eficiencia".
O vicepresidente provincial, César Mosquera, finalizou a presentación asegurando que, coas novas incorporacións, "a Deputación, os concellos e os veciños da provincia gañan un capital humano de primeirísima liña que agardamos que no tempo responda coa súa experiencia".
Ningún comentario:
Publicar un comentario