28 de maio de 2015

MOUGÁS (OIA)

A Cabeciña de Mougás celebra a súa primeira festa da Cervexa Artesá

Será o sábado día 6 de xuño, desde ás 12:00 do mediodía

 Cartel da Festa da Cervexa da Cabeciña, deseñado por Juan Venditti


Proxecto Mougás / Oia

 O sábado día 6 de xuño terá lugar a Festa da Cervexa da Cabeciña en Mougás (Oia). Durante a xornada se probarán cinco tipos de cervexas creadas polos cervexeiros de Trisk-Ale.

 Será unha festa familiar con música, actividades infantís e outras sorpresas para pasar unha xornada agradable ao aire libre. O obxectivo é escoller a cervexa que máis guste para comercializala coa marca A Cabeciña.

 Dentro do programa de actividades culturais do Proxecto Mougás, o vindeiro sábado 06 de xuño celebrarase a I Festa da Cervexa Artesá da Cabeciña. O evento terá lugar durante o día, a partires das 12:00 e ata as 19:00 no complexo arqueolóxico da Cabeciña. O obxectivo é “dinamizar a Cabeciña, dála a coñecer á xente ao tempo que demostramos que un castro tamén pode ser un espazo público no século XXI para a celebración de eventos culturais”, afirmou Xosé Gago, coordinador de Proxecto Mougás.

O Programa
 Durante a xornada haberá multitude de actividades para todos os públicos coa idea de que os asistentes pasen o día enteiro na Cabeciña.  As billas de cervexa abrirán ás 12:00.Seguidamente, o actor Avelino González, coñecido polo seu papel de “Miñato” en Padre Casares ofrecerá un divertido pregón. Avelino dará paso á sesión vermú, a partir das 13:00, a cargo da Charanga Nova Cubana.

 Despois da sesión vermú, deixarase tempo para a comida. A organización preparará postos de comida a prezos populares para os asistentes.

 A partir das 16:00 retomaranse as actividades cunha visita guiada ao xacemento. Despois da visita volverá a música á Cabeciña a cargo do Grupo de Gaitas Balcón do Val Miñor (Morgadáns) e de novo a Charanga Nova Cubana. Ás 19:00 será o peche de billas de cervexa e a festa concluirá.

 Ademais, durante toda a xornada o canteiro Xabi Garrido estará realizando “in situ” unha réplica dun dos petróglifos da Cabeciña. A peza resultante, será logo sorteada entre os participantes nunha rifa.

“Non queremos facer un botellón. Trátase de facer moitas actividades para todos os públicos,  que a xente non se aburra” sinalan dende a organización. “Será unha romaría moderna, polo que recomendamos que a xente traia toallas ou manteis ou mesmo sombrillas para protexerse do sol.”

Vista parcial do conxunto arqueolóxico da Cabeciña, en Mougás (Oia)


Actividades infantís
 Pensando nos máis pequenos faranse uns obradoiros de Arte Rupestre a cargo de Auri e Isa de A Roda. Os nenos participantes recibirán unha breve explicación adaptada dos petróglifos para logo realizar un mural con motivos da arte rupestre galega.

 Realizaranse catro quendas con dez prazas cada un. Os horarios serán ás 13:00, 14:00, 16:00 e 17:00. Para apuntarse, poden escribir ao enderezo electrónico info@proxectomougas.net.

Unha fin de semana completa
 Unha vez rematada a festa na Cabeciña, na Casa Cultural de Mougás, proxectarase a final de Champions League para quen queira asistir.

 Ademais, ao día seguinte, domingo 7 de xuño, celébrase o Curro de Torroña, polo que resulta unha fin de semana intensa e chea de actividades. Unha ocasión única para achegarse a coñecer a zona.

 Para a xente que veña de fóra, hai opcións de durmida ao pé do castro a prezos moi económicos tanto no Hotel Peñasco, Cámping O Muíño, Albergue Aguncheiro ou Cámping Mougás.

As cervexas
 O obxectivo principal da xornada é o de probar cinco estilos de cervexa diferentes elaborados polos cervexeiros deTrisk-Ale. Destas cinco cervexas sairá unha elixida que será comercializada coa marca A Cabeciña.

 Para que todo o mundo poida probar todas as cervexas, estas terán un prezo moi popular, de 0´50€ cada caña. “O valor real destas cañas andaría polos 2´50€ como pouco, pero faise un esforzo para achegar a cervexa artesá a todo o mundo e que poidan opinar” sinala Andrés de Trisk-Ale.

 Os irmáns Andrés e Roberto da cervexeira Trisk-Ale de Nigrán, foron os encargados de elaborar as cinco cervexas artesás que se van degustar. “Elaboramos cinco tipos de cervexa, en cinco estilos diferentes para poder elixir a definitiva. Estamos moi contentos co resultado,” sinalan.

 Os estilos de cervexa propostos para as probas son unha Pale Belga, dúas Pale Ale de carácter máis inglés, unha Red IPA de corte americano e por último unha StrongScottish Ale. Esta última é unha cervexa de carácter moi especial, máis sofisticada e con maior graduación alcólica.

O Castro e o Proxecto
 O Castro da Cabeciña vén de ser escavado recentemente no marco do Proxecto Mougás. Un proxecto promovido pola Comunidade de Montes de Mougás e que mestura arqueoloxía, xestión forestal, xestión turística e didáctica.

 “Non se trata só de escavar un castro ou de substituír eucalipto por castiñeiro. Trátase de rexenerar o tecido rural, de ter unha idea de pobo e querer mover a economía. A Festa da Cervexa encaixa perfectamente na estratexia” comenta Venancio Miniño, presidente da Comunidade de Montes de Mougás.


 Para máis información proxectomougas.net ou a páxina de Facebook Proxecto Mougás.

Ningún comentario:

Publicar un comentario