28 de maio de 2015

GONDOMAR

CULTURA

Os proxectos máis recentes do escultor Silveiro Rivas preséntanse na Aula de Cultura Ponte de Rosas

ITINERARIUS: A mostra do escultor Silverio Rivas inaugúrase este venres 29 de maio ás 20.30h na Aula de Cultura Ponte de Rosas



IEM / Gondomar

 Hei de erguer contra o aire, o silencio e o misterio que a terra esconde na súa entraña, escribe o poeta Xavier Seoane nun texto inédito, que presenta esta mostra que desvelará un feixe da máis recente creación plástica de Silveiro Rivas.  

 O artista nado en Ponteareas amosará unha serie de traballos experimentais en diversos materiais e dimensións. Destacan bosquexos  que saen por primeira vez do seu obradoiro e traballos de gran porte en aceiro inoxidable. 

 Galardoada en febreiro pasado co Premio Laxeiro 2015, a frondosa obra de Rivas enxoia diversos espazos públicos do pais con esculturas como a Porta do Atlántico (Vigo), o Monumento ás vítimas da represión (Tui) e  Horizonte para o sol (Campus universitario de Vigo) entre outros exemplos. Ás súas innumerables mostras individuais e colectivas ao longo do continente, súmase a obra espallada en museos e coleccións particulares de prestixio.  

 Esta nova instalación que poderá visitarse a partir deste venres na Aula de Cultura Ponte de Rosas, contará cunha presentación do médico analista Román Pereiro, membro do IEM e crítico de arte. Acto no que tamén estará presente o autor da obra. 

 Ao finalizar a presentación terá lugar un viño xentileza das adegas Terras Gauda que estará acompañado polas tradicionais roscas da panadería Copena de Gondomar. 

 A exposición poderá visitarse de luns a venres de 19 a 21 horas até o vindeiro 24 de xullo no lugar do Campo da Feira, na avenida do mesmo nome número 10, baixo en Gondomar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario