O IES A Sangriña colabora con “OpenStreetMap”
Pilar Carro Loureiro
Directora do IES A Sangriña / A Guarda
O próximo luns 27 de abril ás 16:00 o IES A Sangriña da Guarda acollerá unha charla sobre o proxecto europeo Comenius “My community and history in OpenStreetMap” a cargo dos profesores Madalina Ionescu (Romanía) e Manfred Reiter (Alemaña), coordinadores do proxecto.
“My community and history in OpenStreetMap” vense desenvolvendo dende o ano 2013 coa participación de Alemaña, Reino Unido, Turquía, Romanía e España, e entre os seus obxectivos está o de “mapear” as zonas de interese de cada comunidade, incluíndo non só datos xeográficos, senón tamén históricos e culturais. Este traballo estano a realizar máis de dous millóns de voluntarios de todo o mundo, co fin de elaborar unha gran base de datos cartográfica en aberto.
Nos últimos días o alumnado do IES A Sangriña realizou o “mapeo” do Castro de Santa Tegra e o Vía Crucis en colaboración con alumnado procedente das localidades de Rm. Vâlcea (Romanía) e Saarburg (Alemaña), que están a visitar a nosa comunidade.
A charla abordará ademais temas como o labor do equipo humanitario HOT en crises recentes como a do ébola en África Occidental.

Ningún comentario:
Publicar un comentario