25 de mar. de 2015

VAL MIÑOR

CULTURA
Presentación do libro “Galicia: un pobo con futuro? O noso devalo demográfico”

 Será o vindeiro xoves día 26 de marzo, ás 20:00 horas polos investigadores Xosé Manuel González Reboredo e Santiago González Avión na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avda. da Feira Nº10, baixo, Gondomar)


IEM / Gondomar

 O envellecemento da poboación, a  baixa fecundidade, así como a ausencia de políticas e estratexias de crecemento, son feitos constatados nos estudos demográficos das últimas décadas en Galicia. Neste senso, un grupo de especialistas convocados polo Instituto de Estudos das Identidades, encadrado no Museo do Pobo Galego, decidiu pór en marcha uns foros de reflexión e debate sobre o grave reto demográfico que afronta o país. Desa iniciativa e das achegas dunha escolma de expertos e persoeiros que avalían as causas, consecuencias e remedios precisos que atinxen a nosa baixa fecundidade como ser colectivo, xurde o libro Galicia: un pobo con futuro? O noso devalo demográfico (Xerais, 2014). Esta obra será presentada o vindeiro xoves día 26 de marzo, ás 20:00 horas polos investigadores Xosé Manuel González Reboredo e Santiago González Avión na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avda. da Feira Nº10, baixo, Gondomar).

 Neste traballo coordinado por Manuel Blanco Desar, sinálase que aínda que o futuro do pobo galego nunca estivo “tan ameazado como o está hoxe”, trátase dun “síndrome ao que non se quere mirar”. O xoves falarase con González Revoredo e González Avión, que participaron na súa elaboración,  de todos estes temas, nun espazo onde como sempre a entrada é aberta a todo o público.

Ningún comentario:

Publicar un comentario