O BNG insta a Xunta e ao Concello da Guarda a mellorar as instalacións dos centros educativos
Produce vergoña allea ver as dúas institucións pelexando en lugar de asumir as responsabilidades que lles corresponden
Hortensia García Díaz e Xan Lois Lomba Alonso, concelleiros do Grupo Municipal do BNG no Concello de A Guarda
Infogauda / A Guarda
O Bloque Nacionalista Galego ve con asombro como a Xunta de Galiza e o Concello da Guarda se encerellan nunha pelexa absurda pola situación dos centros educativos da Guarda, cando tanto unha coma outro teñen responsabilidades directas no mal estado dalgunhas instalacións educativas do concello.
O BNG considera esta liorta un espectáculo lamentábel máis propio da busca de rendibilidades políticas a curto prazo que da intención de mellorar as condicións dos centros educativos da localidade.
Os representantes do BNG no Concello reclamáronlle ao grupo de goberno municipal do PSOE que solucione o pésimo estado da contorna do CEIP Manuel Rodríguez Sinde. "Poñendo especial atención no oco deixado por unha grúa, que afecta ao patio do centro, sen esquecerse da deficiente urbanización da rúa cun firme irregular, beirarrúas sen rematar así como a falta de limpeza na zona, sen que se fixese nada ao respecto. Por isto é que nos molesta especialmente o desleixo da Concellalía de Educación, que ata o momento non se preocupou de asumir as súas responsabilidades e solucionar os problemas anteditos", afirmaron os concelleiros do BNG.
Para o BNG é imprescindíbel que as institucións colaboren na mellora das infraestruturas educativas, por seren que deben ser sempre consideradas unha prioridade por mor da súa importância, pois ofrecen un servizo absolutamente necesario par o pobo. Polo que instan a Consellería de Educación e ao Concello da Guarda, nomeadamente a Concellalía de Educación, a asumir as súas responsabilidades, a achegar posturas e a coidar como é preciso as nosas instalacións educativas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario