30 de xan. de 2015

BAIXO MIÑO

O BNG PRESENTA MOCIONS NOS CONCELLOS DO BAIXO MIÑO NAS QUE SE ESIXE QUE OS AFECTADOS POLA HEPATITE C TEÑAN O DEREITO AO MELLOR TRATAMENTO DISPOÑÍBEL

Infogauda / Baixo Miño

 O BNG do Baixo Miño ven de facer público seu posicionamento sobor "(...) da enfermidade hepática causada polo Virus de Hepatite C (VHC), que como os nacionalistas afirman constitúe un grave problema de saúde pública. Calcúlase, en cifras do Ministerio de Sanidade, Igualdade e Asuntos Sociais, que unhas 700.000 persoas son portadoras deste virus no conxunto do estado español."   

 Segundo afirma o BNG "na actualidade hai  unha cantidade importante de persoas enfermas diagnosticadas, en diferentes estadíos de evolución da Hepatite C, que non están sendo tratadas, e que teñen como única alternativa a vixilancia da súa evolución á espera de chegar a un estado que determinase a idoneidade dun transplante hepático.   

 O desacougo, a alarma e as queixas dos/as doentes de hepatite C van en aumento ao comprobar como nuns casos a súa situación non se inclúe dentro dos criterios de elixibilidade que se aplican para o acceso ao fármaco, e noutros moitos a solicitude cursada polos/as seus hepatólogos/as, unha vez determinado que cumpren os requisitos estabelecidos polo Ministerio e recollidos nas Instrucións do acceso aos tratamentos da Hepatite C cursadas pola Dirección xeral de Asistencia Sanitaria, é rexeitada ou non contestada.  

 É por iso que o BNG no Baixo Miño  ven de presentar unha moción en tódolos concellos da comarca para  facerse eco tanto das reivindicacións dos doentes como das recomendacións dos expertos sanitarios, para que as persoas que sofren hepatite C teñan acceso desde a sanidade pública ao mellor tratamento dispoñible, esixindo o acceso aos fármacos de última xeración, como o Sofosbuvir, para todas e todos os doentes afectados que o necesiten, fronte ao criterio restrinxido que propón o Ministerio de Sanidade que implicaría que este tipo de medicamentos só chegaría en 2015 a unhas 6.000 persoas cando a cifra de doentes ascende a 30.000".  

Ningún comentario:

Publicar un comentario