1 de dec. de 2014

VIGO

Máis de 150 persoas acudirán ás  VI Xornadas de Saúde Mental e Emprego


 • O encontro, organizado por FEAFES Galicia, terá lugar este martes 2 de decembro no Museo Verbum de Vigo.

 • Na inauguración das Xornadas intervirán Marta Iglesias, Deputada Provincial de Pontevedra, e Isaura Abelairas, Concelleira de Benestar, Igualdade e Normalización Lingüística do Concello de Vigo.

Ana Escrigas Rodríguez / Vigo

  O martes 2 de decembro, FEAFES Galicia celebra as VI Xornadas de Saúde Mental e Emprego baixo o lema “Recuperación, emprego e inclusión”. Neste encontro, no que xa están inscritas arredor de 160 persoas, diversos expertos de Galicia e doutros lugares de España intercambiarán experiencias sobre a inserción laboral de persoas con enfermidade mental.  

  En Galicia hai máis de 41.500 persoas con certificado de discapacidade por enfermidade mental, de entre as cales, menos do 5% teñen un emprego estable. Por ese motivo, traballar pola inserción laboral deste colectivo é un labor fundamental que FEAFES Galicia quere transmitir a toda a sociedade. 

 Estas xornadas poñen o acento sobre a importancia do emprego no desenvolvemento persoal de calquera individuo e, á vez, as dificultades ou retos engadidos cos que se atopan as persoas con enfermidade mental á hora de conseguir un traballo. As ponencias non só tratarán de expor a actualidade e as dificultades que existen neste eido senón que presentarán tamén posibles camiños ou obxectivos de futuro.  

 As VI Xornadas de Saúde Mental e Emprego celebraranse no Museo Verbum de Vigo (Avd. de Samil nº 17) e contarán con diversas ponencias e mesas redondas que terán lugar dende as 09:00 da mañá ata as 18:30 da tarde. A participación é gratuíta e está dirixida tanto a persoas con enfermidade mental como ás súas familias, profesionais e estudantes relacionados coa saúde mental, o mundo empresarial e a sociedade en xeral.  

 Na apertura deste encontro, o Presidente de FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón, estará acompañado por Marta Iglesias, Deputada Provincial de Pontevedra, e Isaura Abelairas, Concelleira de Benestar, Igualdade e Normalización Lingüística do Concello de Vigo.  

 Entre os temas que se abordarán, trataranse cuestións como os recursos sanitarios para a autonomía persoal e o emprego; modelos de emprego con apoio dende as perspectivas e cauces de futuro; novos avances nos recursos da inserción laboral das persoas con enfermidade mental a través do Programa Incorpora Saúde Mental; e o papel do emprego e a familia na recuperación das persoas con enfermidade mental a través dos Centros de Rehabilitación Psicosocial. Contaremos ademais con testemuñas en primeira persoa de traballadores con enfermidade mental e de empresarios, ademais de intervencións de múltiples profesionais de diversos ámbitos da saúde mental. 

 Un dos obxectivos fundamentais das Xornadas de Saúde Mental e Emprego é difundir boas prácticas e sensibilizar acerca da enfermidade mental, así como xerar un foro de difusión e debate social sobre as dificultades da saúde mental e a súa vinculación co emprego. FEAFES Galicia aposta firmemente pola integración laboral das persoas con enfermidade mental como un elemento normalizador, defendendo e demostrando a valía deste colectivo e as súas capacidades para integrarse plenamente na sociedade.   

 FEAFES Galicia, a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que sofren problemas de saúde mental e a dos seus familiares.  

 O ámbito de actuación de FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, posúe centros e servizos en 30 localidades e conta cun total de 4.700 socios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario